ACCIDENTE

Trasladado ao hospital o ocupante dun turismo tras unha saída de vía na Laracha

O sinistro rexistrouse na estrada AC-523 e o vehículo envorcou

O ferido atopábase inconsciente debido ao impacto

O ferido foi trasladado ao hospital en ambulancia

O ferido foi trasladado ao hospital en ambulancia / Xunta

O ocupante dun turismo resultou ferido e foi trasladado ao hospital esta tarde tras saírse da vía o vehículo no que viaxaba pola AC-523, ao seu paso pola Laracha. A voz de alarma deuna un particular que chamou ao 112 Galicia para informar dun accidente no quilómetro 7 da referida estrada. Segundo a información que aportou, xunto coa de máis particulares, un vehículo envorcou logo de saírse da estrada, minutos antes das 15.00 horas, e o ocupante do coche atopábase inconsciente tralo accidente.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia avisaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ata o lugar dos feitos tamén se mobilizou unha dotación dos Bombeiros de Carballo, aínda que indicaron que, trala súa chegada, a vítima xa se atopaba fóra do vehículo, polo que non foi necesario empregar o material de excarceración.

Logo de que o home fose trasladado polas urxencias sanitarias, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico desprazada ata o lugar dos feitos solicitou a intervención do servizo de mantemento da vía, pois había restos do accidente espallados pola calzada.