GALA

Trece centros educativos da Costa da Morte unidos para fomentar o uso do galego

A Praza 8 de marzo, de Cee, acolle maña a entrega de premios aos mellores vídeos, logos e lemas

A cita complementarase con diversas actuacións musicais

Cartel promocional da gala Falemos + galego

Cartel promocional da gala Falemos + galego / Viki Rivadulla

A campaña Falemos+galego, promovida por trece centros educativos da Costa da Morte para fomentar o uso da lingua galega, chega ao seu fin cunha gala final que se celebrará o xoves día 20 ás 10.00 horas, na Praza do 8 de marzo, de Cee.

A iniciativa xurdiu en torno ao orgullo de que a Costa da Morte sexa unha área que destaca polo uso do idioma propio. Ao respecto, os promotores aseguranque “trátase de incrementar o número de persoas galego falantes, partindo da poboación xuvenil e buscando impacto no conxunto da sociedade destas comarcas”.

A gala será presentada por María Lago e Xurxo Souto, e actuarán o grupo musical Malleira, do IES Agra de Raíces; Aroa Sendón, alumna do IES Terra de Soneira; e os gaiteiros do IES Maximino Romero de Lema, de Baio. Haberá tamén concertos especiais do dúo Caamaño & Ameixeiras e Antía Muíño, e estudantes do IES Fernando Blanco deleitarán aos asistentes cunha batucada. A artista Vicky Rivadullla deseñou o cartel.

Na campaña participaron os centros IES Lamas de Castelo (Carnota), IES Fernando Blanco (Cee), IES Agra de Raíces (Cee), IES Fin do Camiño (Fisterra), CPR Nosa Sra. do Carme (Fisterra), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos), IES Ramón Caamaño (Muxía), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), IES Terra de Soneira (Vimianzo), IES Maximino Romero Lema (Baio-Zas) e CPI de Zas.

TEMAS