POLÍTICA

Alternativa dos Veciños estuda a expulsión da alcaldesa de Fisterra por non restituir ao díscolo

Acúsana de non contar “para nada cos compañeiros” nin co concelleiro Francisco Martínez

Áurea Domínguez, no centro en primeira fila, cos integrantes da candidatura de AV

Áurea Domínguez, no centro en primeira fila, cos integrantes da candidatura de AV / Cedida

Lonxe de achegar posturas, a fenda aberta no goberno minoritario de Fisterra (AV, só 3 concelleiros de 11 na Corporación e un deles destituido) agrándase logo de que a comisión executiva de Alternativa dos Veciños acordase abrir un expediente de expulsión á alcaldesa, Áurea Domínguez.

Unha decisión que adoptan “ante a negativa” da rexedora de “acatar o acordo da executiva de restituír todas as competencias ao concelleiro Francisco Martínez Traba”, ao que Áurea Domínguez retirou todos os cargos despois de que o pasado 7 de xuño votase en contra do orzamento proposto polo goberno do que formaba parte. 

Precisamente as contas sometidas a votación son, segundo subliñan dende o partido, “o máis grave”, porque “era consciente de que non dispoñía dos votos necesarios porque o PSOE anunciou a súa abstención e o PP o seu voto en contra”. Ademais, engaden, o orzamento que se someteu a votación “fora modificado unha semana antes do pleno por decisión unipersoal da alcaldesa, eliminando o 90% das cantidades asignadas ás áreas do concelleiro Martínez Traba”. Dende AV din que que se suprimiron 95.000 euros destinados a reparacións do abastecemento de auga, Policía Local, reposición de instalacións deportivas e novas infraestruturas viarias e redes de saneamento.

O partido di que avaliará as medidas oportunas para denunciar irregularidades que se poidan producir

Lembran que a investidura e o soldo de Áurea Domínguez “foron posibles grazas a un pacto acadado pola dirección de Alternativa dos Veciños co PSOE provincial”, e din que a rexedora “non é independiente, forma parte de Alternativa dos Veciños, pero non está a cumprir co programa político do partido nin cos compromisos electorias da candidatura”.

O partido di que denunciará as irregularidades que se poidan producir

Insisten en que AV veu a Fisterra para “acabar con políticas caciquís e coa parálise do Concello en investimentos públicos e melloras de servizos sociais, culturais e deportivos”, conclúen.

Aseguran ademais que avaliarán as medidas oportunas para denunciar ante os tribunais “as irregularidades que se poidan producir na xestión do Concello de Fisterra”.