CULTURA

Centos de estudantes piden en Cee que Falemos + galego

A iniciativa involucrou a tres centros educativos de Costa da Morte

Estudantes do CPI Pluirlingüe da Picota, gañadores do certame de vídeos

Estudantes do CPI Pluirlingüe da Picota, gañadores do certame de vídeos / IES Agra de Raíces

Nin a choiva foi quen de apagar as voces dos centos de estudantes de trece centros educativos da Costa da Morte que reinvindicaron dende Cee o emprego da lingua galega en todos os ámbitos da vida. Fixérono na gala Falemos + galego, promovida polos colexios e institutos de Camariñas, Carnota, Cee, Fisterra, Laxe, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, que incluíu un certame de vídeos, logos e lemas.

Lúa Iglesias, á esquerda, gañadora do concurso de logos e lemas

Lúa Iglesias, á esquerda, gañadora do concurso de logos e lemas / J. M. Ramos

O premio á mellor creación audiovisual foi para os alumnos do CPI Plurilingüe A Picota, de Mazaricos, e o logo e lema máis valorado foi o de Lúa Iglesias, do IES Agra de Raíces, de Cee.

A gala, presentada por María Lado e Xurxo Souto, estivo amenizada polo grupo musical Malleira; Aroa Sendón; os gaiteiros do IES Maximino Romero; o dúo Caamaño & Ameixeiras e Antía Muíño. O encontro rematou co público cantando a Oda ao futbolín inventado por Alexandre de Fisterra e que é un tema mítico da xeración Xabarín.

Os estudantes encheron a Praza 8 de marzo de Cee

Os estudantes encheron a Praza 8 de marzo de Cee / IES Agra de Raíces

Ao acto sumáronse os directores xerais de Centros, Jesús Álvárez, e de Ordenación e Innovación Educativa, Eugenia Pérez; a deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra; as alcaldesas de Cee, Fisterra e Vimianzo e o seus homólogos de Carnota e Zas.

A rexedora ceense, Margarita Lamela, subliñou que "hoxe desde Cee reivindicamos máis galego" e lembrou que no 1996 nacía nunha cafetería ceense "o Batallón Literario da Costa da Morte, que a día de hoxe xa se estuda nos libros e é un motivo de orgullo e sinal identitario dunha comarca que tiña e ten moito que dicir".

Pola esquerda, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Soledad Agra, deputada de Igualdade; Manuel Muíño, alcalde de Zas; Margarita Lamela, alcaldesa de Zas; e Áurea Domínguez, rexedora de Fisterra

Pola esquerda, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Soledad Agra, deputada de Igualdade; Manuel Muíño, alcalde de Zas; Margarita Lamela, alcaldesa de Zas; e Áurea Domínguez, rexedora de Fisterra / D. C.

A deputada Soledad Agra asegurou que a Deputación da Coruña aplaude unha iniciativa "que conta coa participación da comunidade educativa e a rapazada para reivindicar a nosa lingua, polo que para nos é unha auténtica honra poder sumarnos”. Referiuse tamén á importancia “de sentirnos orgullosas da nosa cultura e da nosa lingua” e de “empregala, falala e amala, sexa cal sexa o contexto, e sexa na variedade que sexa,como parte esencial da nosa identidade”.

Os centros participantes, satisfeitos con esta primeira edición, confían en sumar máis estudantes para o vindeiro curso.