INFRAESTRUTURAS

O PSOE pide a supresión da peaxe na autovía AG-55 que conecta Carballo coa Coruña

 Besteiro subliña que cada día circulan máis de 13.000 vehículos por esta vía autonómica

Gómez Besteiro, cuarto pola dereita, con representantes socialistas en Carballo

Gómez Besteiro, cuarto pola dereita, con representantes socialistas en Carballo / PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en Carballo que os socialistas levarán ao Parlamento galego unha iniciativa para reclamarlle á Xunta a gratuidade das autoestradas AG-55 (A Coruña-Carballo), pola que circulan cada día máis de 13.000 vehículos, e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor).

Recordou que en Galicia hai catro autoestradas nas que se pagan peaxes, dúas delas de titularidade estatal (AP-9 e AP-53) e outras dúas, as antes citadas, pertencentes á Administración autonómica.

“Se pedimos a gratuidade para a AP-9 e para a AP-53, o lóxico é que tamén a pidamos para a AG-55 e a AG-57”, afirmou Besteiro, para quen non debe haber “galegos de primeira e galegos de segunda” entre os usuarios desas vías de alta capacidade, dependendo de quen sexa o propietario.

Acompañado polos deputados Patricia Iglesias e Carlos López Font, Gómez Besteiro remarcou que os socialistas galegos se uniron á petición ao Goberno de que se eliminen as peaxes nas autoestradas estatais, polo que é “de sentido común”, ademais de “xusto, demandar os mesmos beneficios para os usuarios dos tramos Puxeiros-Val Miñor e A Coruña-Carballo”.

Lembrou que o Goberno aprobou a rebaixa das peaxes. “Uns descontos que supoñen a gratuidade das viaxes de volta e incluso son superiores no caso de usuarios recorrentes. Porén, as bonificacións nas dúas autoestradas dependentes da Xunta son só do 25%”, dixo.