PATRIMONIO

O topógrafo que aportou a Galicia Nomeada 8.000 microtopónimos de Dumbría

Durante décadas recolleu nomes de leiras, regatos, fontes e alcumes das casas

O presidente da Real Academia Galega agradécelle “o agasallo que fai á cultura galega”

Modesto García, en primeira fila, con escolares de Dumbría e a súa filla María José; o coordinador de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo; Víctor Freixanes; Valentín García e Raúl González

Modesto García, en primeira fila, con escolares de Dumbría e a súa filla María José; o coordinador de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo; Víctor Freixanes; Valentín García e Raúl González / RAG

O enxeñeiro en topografía Modesto García Quintáns, veciño de Buxantes, vén de doar máis de 8.000 microtopónimos xeorreferenciados á Real Academia Galega (RAG) para a súa incorporación á plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Un material “de enorme valor cultural e de interese para a investigación”, segundo subliñan dende a RAG, que Modesto foi recompilando ao longo de décadas. Sempre lle gustou camiñar polo monte, xa dende neno, e cando se xubilou volveu percorrer os camiños de Dumbría, desta volta palmo a palmo, cun obxectivo claro no que conxugou oficio e paixón: completar o mapa topográfico do seu concello.

Detalle da cartografía de Buxantes, onde vive Modesto García Quintáns

Detalle da cartografía de Buxantes, onde vive Modesto García Quintáns / RAG

“Coñezo todo o territorio como se fose a miña casa. Percorrín todos os regatos, rexistrei as leiras, os muíños, as fontes... e tamén mámoas e outros restos arqueolóxicos”, afirma ao respecto.

Consciente das equivocacións que se adoitaron producir nos rexistros para o Catastro e a concentración parcelaria, Modesto comezou a recoller e xeorreferenciar os microtopónimos do seu concello, contando coa veciñanza como informante.

Os escolares do CEIP Santa Eulalia seguindo a presentación de Modesto García

Os escolares do CEIP Santa Eulalia seguindo a presentación de Modesto García / RAG

“Gústame moito falar cos vellos e sempre levo un caderno no peto, no que fun recollendo os datos que me daban”, afirma. “Doíame moito ver como no proceso da parcelaria se puñan os nomes na cartografía sen ton nin son, con formas mal recollidas e tamén fóra da súa situación real. Nos mapas daqueles tempos un rótulo dun nome longo podía tapar uns lindes e non era raro que o delineante acabase movéndoo sen xeito. Á escala, uns centímetros poden ser centos de metros. Cando se expuña todo para as reclamacións, os veciños non se fixaban nos nomes, só nos ferrados, e por iso hoxe nos planos do Catastro hai tantos erros”, conta.

A base de datos de Modesto García contén tamén os nomes das casas do municipio polos que eran coñecidos os seus habitantes. “Este traballo fíxeno nos anos 60, cando se instalou o teléfono nas aldeas e Telefónica publicou a guía cos nomes e apelidos, a cal non sempre era útil porque a xente coñecíase entre si polos nomes das casas”, detalla.

Modesto García amosando un mapa dos muíños hidráulicos

Modesto García amosando un mapa dos muíños hidráulicos / RAG

A Real Academia Galega e a Xunta, responsables de Galicia Nomeada, agradecéronlle a doazón nunha homenaxe celebrada en Dumbría, na que Modesto García Quintáns estivo arroupado pola veciñanza, o alumnado e mais o profesorado do CEIP Santa Eulalia. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixéronlle entrega dun diploma de recoñecemento “polo agasallo que fai á cultura de Galicia”.

García destacou o valor do seu traballo para “fortalecer a identidade e o sentido de pertenza de toda Galicia”. O alcalde, Raúl González Lado, agradeceu o seu labor “de recuperación do noso patrimonio, pois se non hai quen o recolla vai desaparecer”.