SAN XOÁN

Un avión da Segunda Guerra Mundial arderá na noite meiga de Camariñas

A Asociación Lumarea homenaxea este ano ao Cóndor alemán que caeu na praia en 1943

Réplica do Cóndor alemán que será queimado en Camariñas

Réplica do Cóndor alemán que será queimado en Camariñas / Asociación Lumarea

A praia Area da Vila de Camariñas será escenario dunha singular homenaxe ao Cóndor alemán que caeu neste areal o 13 de agosto de 1943. Despois de moitas semanas de traballo, a Asociación Lumarea porá lume na noite meiga a unha espectacular réplica do avión, de 24 metros de ancho e 18 de longo.

Rememorarán así como un bombardeiro americano B24 derrubou en Camariñas a un Cóndor alemán do KG 40, que caeu na praia camariñana, despios de planear entre o millo ata dar cunha duna. O avión estaba pilotado por Oberleutnant Günter Seide e tanto el coma a súa tripulación salváronse, e foron repatriados inmediatamente, namentres que o Cóndor foi desmontado e as pezas trasladadas á mestranza aérea de León. O B24 pertencía ó Primeiro escuadrón do 480 grupo antisubmarino, capitaneado polo tenente McKinnon.

Cartel promocional da Lumarea de Camariñas

Cartel promocional da Lumarea de Camariñas / Asociación Lumarea

"O ceo da Costa da Morte tamén sufriu a Segunda Guerra Mundial e, coa instalación desta réplica na praia Area da Vila homenaxéase aos seus habitantes que, en varias ocasións, foron os primeiros en socorrer aos supervivintes, alleos ao idioma e aos riscos que podía supoñer aproximarse ás armas ou ideoloxías nese contexto", subliñan dende a Asociación Lumarea.

Un acto festivo e histórico que este ano complementarase con dous días de festa, a tradicional sardiñada de balde e a maior traca da historia, xunto con actividades para todos os públicos e gustos. Na noite do sábado, día 22, celebrarase a Festa da Xuventude, amenizada polo Grupo Bomba e a macrodisco Impacto xunto cos DJ Son1c, Omy Cid, Marcos Magán e DJ Mouzo.

O domingo, día 23, ás seis da tarde haberá unha festa infantil con inchables acuáticos. A esa hora comezará tamén a tradicional sardiñada con broa e cachelos, totalmente gratuíta para todos os asistentes, amenizada polo Tren da Unha e tres charangas: Europa, Lou Band e Mekánica Rolling Band.

A medianoite dará inicio a traca máis potente, 300 ducias de bombas e fogos de artificio (con sorpresa incluída) que acompañarán o acendio da lumarea. O peche á festa correrá a cargo da macrodisco Impacto, DJ Rokiño e DJ Bermúdez.