MAR

A Feira Náutica do Freixo inclúe mercado mariñeiro, concertos, rutas en caiac, charlas e talleres

Será do 28 ao 30 deste mes e participarán como expositoras oito empresas do sector

Haberá degustacións e un concurso de pesca

Xesús Mato, esquerda, Manuel González e Alba Quintela na presentación da Feira Náutica do Freixo

Xesús Mato, esquerda, Manuel González e Alba Quintela na presentación da Feira Náutica do Freixo / Cedida

O alcalde de Outes, Manuel González; Alba Quintela, edil de Obras e Servizos; e Xesús Mato, en representación da Asociación Cultural Terra de Outes, presentaron a segunda edición da Feira Náutica do Freixo, que se celebrará os vindeiros días 28 e 30 destes mes de xuño. 

Participarán como expositoras as empresas do sector náutico Astilleros Abeijón Hermanos S.L., Astilleros y Varaderos Lago Abeijón S.L., Talleres Villade, R Náutica, ACR Servicios Náuticos, Náutica Andrade Mar S.L., Decoat e Álvarez Riveira.

As persoas que se acheguen poderán, previa inscrición, gozar de diversas actividades de ocio e deportivas, como visitas ao Museo Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián, ao estaleiro Abeijón Hermanos S.L. ou aos puntos máis simbólicos e históricos da parroquia de San Xoán de Sabardes; rutas en caiac polo litoral; ou rutas a bordo do histórico balandro Joaquín Vieta, construído no ano 1916 no antigo estaleiro de Ríos.

Pola súa banda, a Asociación Adeco-Dea achegará a navegación a persoas con diversidade funcional a través dunha embarcación adaptada.

No peirao do Freixo haberá diversos espazos expositivos para coñecer múltiples tipos de embarcacións tradicionais, así como unha exposición permanente no Náutico.

En colaboración con Agalcari terán lugar ao longo das tres xornadas obradoiros de carpintaría de ribeira nos que se visibilizará en vivo o proceso de construción tradicional de embarcacións. Tamén haberá oportunidade de asistir a unha mesa redonda baixo o título Estaleiros sostibles, cara o futuro dende a tradición, un espazo de encontro e intercambio para atopar sinerxias multisectoriais que teñen en común o uso do monte e o emprego da madeira como materia primixenia para afrontar os riscos no coidado e a limpeza do medio mariño dende a óptica da construción naval.

A Feira Náutica do Freixo contará asimesmo cun Mercado Mariñeiro, dedicado á artesanía mariñeira, con diversos postos de venda. 

O programa inclúe tamén unha degustación gastronómica a cargo de Fernando Rodríguez e Eva Guzmán, do restaurante O Secadeiro, que elaborarán pratos a base de produtos mariñeiros típicos e de proximidade; un concurso de pesca destinado á rapazada de 5 a 16 anos; actuacións musicais de Mad Martín Trío, Catuxa Salom, Monouliuous DOP, Habanoia e Habana Café Son, así como do monologuista Quico Cadaval, a sesión dun DJ e un pasarrúas dos grupos locais Os Jaitas Blues e Os Trobeiros da Ponte.

A feira está organizada polo Concello co patrocinio do GALP Costa Sostible e a Consellería do Mar.