INCENDIO

Queiman doce contedores do lixo en Carballo

Sucedeu de madrugada e esta tarde en catro puntos diferentes da capital de Bergantiños

Colectores queimados nas proximidades do cemiterio de Bértoa

Colectores queimados nas proximidades do cemiterio de Bértoa / Consorcio

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Carballo interviron esta madrugada en tres operativos causados polos incendios de dez colectores do lixo en diferentes puntos do Concello carballés. Á primeira hora da tarde foron requeridos de novo para sufocar as lapas noutros dous.

O primeiro deles foi notificado ás 05.18 horas e afectou a dous colectores na intersección entre as rúas Camelias con rúa Begoñas. O segundo, ás 05.38 horas, calcinou catro contedores na rúa Verdillo, mentres que a terceira incidencia ocasionou danos a outros catro na rúa Fondal Ponte, nas proximidades do cemiterio de Bértoa.

Contedores queimados na aldea de Queo de Abaixo, en Bértoa

Contedores queimados na aldea de Queo de Abaixo, en Bértoa / Consorcio

Pola tarde, ás 13.43 horas, os bombeiros volveron a recibir un novo aviso para sufocar as lapas en dous contedores na aldea de Queo de Abaixo, tamén na parroquia de Bértoa, onde o pasado mércores xa ardera outro.