SANIDADE

Os socialistas esixen que se cubran as prazas de pediatra vacantes en Terra de Soneira

Actualmente os nenos están sendo derivados ao centro de Vimianzo

Patricia Iglesias, segunda esquerda, coa alcaldesa de Camariñas, cuarta, e concelleiras socialistas da comarca Terra de Soneira

Patricia Iglesias, segunda esquerda, coa alcaldesa de Camariñas, cuarta, e concelleiras socialistas da comarca Terra de Soneira / PSOE

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclama á Xunta que garanta “unha atención pediátrica digna e de calidade” aos nenos e nenas de Terra de Soneira, logo de manter un encontro cos pais e nais de Camariñas, Zas e Vimianzo. Urxe ao Goberno galego a resolver antes do verán a cobertura das prazas desatendidas.

Iglesias alertou neste sentido que a pediatra de Zas, que atende os centros de saúde de Baio e de Zas en días alternos, xubilarase cando rematen as vacacións que está a desfrutar neste momento e que non están a ser cubertas.

Advertiu ademais que, malia que o Sergas deu indicacións para que os nenos e nenas se despracen a Camariñas pola mañá e a Vimianzo pola tarde, a baixa dunha pediatra “fai que o centro de saúde vimiancés teña que dar servizo a toda a comarca” e que os pais e nais “teñan que desaprazarse para levar os fillos ao médico”.