POLÍTICA MUNICIPAL

García Seoane reclama á alcaldesa de Fisterra que repecte ao partido

O presidente de AV di que será expulsada senón restitúe nos cargos ao edil Francisco Martínez

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, e Francisco Martínez, edil apartado do goberno

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, e Francisco Martínez, edil apartado do goberno / Cedida

O presidente de Alternativa dos Veciños (AV) e alcalde de Oleiros, Ángel García, asegurou a EL CORREO que a única vía para volver unificar o partido en Fisterra pasa porque a alcaldesa, Áurea Domínguez, restitúa nos seus cargos ao que fora primeiro tenente de alcalde, Francisco Martínez, a quen retirou todas as competencias despois de que votara en contra dos orzamentos o pasado día 7 de xuño.

A comisión executiva vén de abrirlle un expediente de expulsión e a vindeira semana citará á rexedora a unha reunión na que se abordará a crise aberta. Se non acepta restituír nos seus cargos ao concelleiro, o presidente de AV asume que “verémonos obrigados a prescindir dunha alcaldía, pero non nos importa”. Acusa á rexedora de “facer o que lle dá a gana” e di que esa non é a forma de gobernar. “Nós fomos a Fisterra a facer unha política distinta aos demais e non políticas caciquís”, sinala. Asegura que Alternativa dos Veciños avoga pola participación e o consenso e por escoitar á veciñanza.

García Seoane di que a alcaldesa “ten os cables cruzados” co asesor do partido (fillo do concelleiro apartado do goberno local), pero lémbralle que grazas a el e ao partido “neste ano de mandato conseguíronse moitas cousas para Fisterra, como os acordos e convenios asinados con Costas e Portos, ou os 800.000 euros da Deputación da Coruña”. Ademais, asegura que “se ela é alcaldesa é porque negociamos co PSOE para que a apoiaran a cambio do noso apoio aos socialistas en Bergondo”. O mesmo sucedeu, engade, coa aprobación do salario, “que tivemos que negociar co PSOE provincial, e déuselle un bo soldo, de 44.000 euros anuais”.

O presidente de AV di ademais que a rexedora se nega a rematar coas presuntas irregularidades que detectou o seu partido, como “que se lle estivera pagando a un arquitecto, sen contrato, por vir dous días ao Concello, ao que, a maiores, se lle adxudicou a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o Plan Especial do Casco Histórico”.

Ángel García recoñece que Fisterra atópase agora nunha situación complicada “porque non hai posibilidade de formar un goberno”. Preguntado pola posibilidade de que esta situación desemboque nunha moción de censura liderada polo PP, sinala que “non sei o que pode pasar, pero Alternativa dos Veciños non se vai integrar en ningún outro partido. Todo depende da actitude da alcaldesa”, afirma ao respecto.

Pola súa banda, a rexedora, Áurea Domínguez, rexeitou facer valoracións, polo momento, e limitouse a sinalar que non lle foi notificada a apertura do expediente de expulsión. “Iso é mentira”, afirmou o presidente do partido, engadindo que “foi notificada oficialmente”.