CONCURSO

Calidade máxima no primeiro certame Baila con Ames e cincocentas persoas aplaudindo

 O xurado decidiu que os 65 participantes das dúas categorías pasen á fase final

Tres das concursantes no Baila con Amesl

Tres das concursantes no Baila con Amesl / C. Ames

Redacción

A primeira edición do concurso Baila con Ames botou a andar o pasado venres. Dada a gran calidade das actuacións dos participantes nas dúas categorías do certame, o xurado decidiu que todos eles pasen á fase final. Deste xeito, a actuación de preselección serviu de presentación das actuacións ante o xurado e as cincocentas persoas que se xuntaron nas gradas das pistas deportivas do Milladoiro.

Así, pasan á fase definitiva 9 participantes na categoría individual ou parella e 9 grupos. A final do concurso celebrarase en Bertamiráns o 31 de agosto na pista de deportes da praza de Chavián. Repartiranse 2.500 euros en premios.

Participantes no Baila con Ames, no Milladoiro

Participantes no Baila con Ames, no Milladoiro / Concello de Ames

Este concurso está organizado pola Concellería de Promoción Económica e conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Existen dúas categorías: individual ou parellas, e grupos de 3 a 12 persoas.

Na xornada de selección realizada o venres, 21 de xuño, no Milladoiro, participaron 5 persoas na categoría individual e 4 parellas. Na modalidade de grupos inscribíronse 9: tres formados por 3 persoas, 1 de catro, 2 de cinco, 1 de oito, 1 de 9, e outro de doce persoas. En total, 65 participantes.

Un dos bailaríns na primeira fase do certame Baila con Ames

Un dos bailaríns na primeira fase do certame Baila con Ames / C. Ames

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, valorou de xeito moi positivo a participación na primeira edición do concurso Baila con Ames. “Este é un certame que xa tíñamos pensado poñer en marcha dende hai dous anos, para darlle continuidade ao concurso Canta con Ames que xa levamos celebrando dende 2021. Esta iniciativa pretende dinamizar o sector comercial focalizando a atracción de posibles consumidores nas principais rúas comerciais, en colaboración coas asociacións empresariais máis representativas do concello. A finalidade é incrementar o consumo no comercio local atraendo a un maior número de persoas ao concello de Ames”.

Unha vez rematada a actuación de todos os participantes, mentres que o xurado deliberaba, houbo exhibicións a cargo dos grupos de baile moderno e funky e da parella Rania e Kael, pertencentes á Escola de baile Danzaya.

Publico asistente á primeira fase do Baila con Ames

Publico asistente á primeira fase do Baila con Ames / C. Ames

O xurado está composto de tres profesionais do mundo do baile: Daniela Filloy Posada, Magaly Balsa Vilas e María Iglesias Bermúdez.

Debido á gran calidade das actuacións de todos os bailaríns nas dúas categorías do certame, o xurado decidiu concederlles o paso directo á fase final, que se celebrará de xeito presencial en Bertamiráns o día 31 de agosto, ás 19.00 horas, nunha única xornada na que participarán as persoas clasificadas na fase de selección.

Un baile por participante

Na fase final os aspirantes (grupos, dúos ou individual) interpretarán un baile por participante. Os concursantes, previa comunicación, poderán interpretar os temas de maior duración. Non poderán coincidir en pezas musicais entre as persoas candidatas e, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo. Como segunda opción, será a organización a que decida o tema coincidente entre os concursantes afectados. Nesta fase ditarase o fallo do xurado cos premiados, que será inapelable. Os ganadores daranse a coñecer ese mesmo día ao remate da gala.

Un grupo animando aos seus favoritas no Baila Ames

Un grupo animando aos seus favoritas no Baila Ames / C. Ames

Prebadaladas de 2024

O certame promovido polo Concello de Ames está dotado con dous premios: 1.000 euros para a primeira categoría (individual ou dúo) e 1.500 euros para a categoría de grupos. Por cada modalidade, ás persoas gañadoras outorgaráselle un único trofeo en recoñecemento da súa participación, unha única cesta saudable, un único vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso e a posibilidade de bailar nas Prebadaladas de Ames 2024.

Cincocentas seguiron o concurso desde as gradas do Milladoiro

Cincocentas seguiron o concurso desde as gradas do Milladoiro / C. Ames

Este concurso vén a complementar o certame Canta con Ames, que este ano dá o salto a toda Galicia, e intentará atraer aos mellores reiseñores da terra dos mil ríos con premios en metálico e novas seccións. Así, ata os 17 anos está previsto un galardón de 500 euros, o mesmo que para os maiores de idade e profesionais. Ademais, permítese concorrer a dúos e tríos, elevando neste caso a 1.000 € os premios para os mellores. A fase final terá lugar no Parque do Ameneiral de Bertamiráns o día 11 de agosto.