Entrevista | José Antonio Pereira Alcalde da Baña

“Os concellos temos cada vez máis competencias e menos financiamento”

 “O primeiro que fago pola mañá é mirar a aplicación dos bancos, para saber a quen lle podemos pagar”

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, nas instalacións de El CORREO GALLEGO

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, nas instalacións de El CORREO GALLEGO / Javier Rosende Novo

Pagar as facturas e sanear as arcas locais. É a obsesión do socialista José Antonio Pereira na súa segunda etapa como rexedor deste municipio da comarca da Barcala. Un ano despois de recuperar o bastón de mando que perdera por unha moción de censura, pide a implicación de Xunta e Estado para que as administracións máis próximas aos cidadáns reciban os fondos que necesitan.

Hai un ano recuperou a Alcaldía, da que fora apartado por unha moción de censura. Atopou un Concello distinto do que deixara?

Ao volver á Alcaldía, en xuño do ano pasado, atopámonos un Concello cunha situación precaria moi complicada economicamente, cunha débeda de 1.600.000 euros. Tiñamos partidas de Cultura en negativo, que xa non nos permitían facer nada no que quedaba de ano; de deportes, en negativo; de obras, en negativo... Tivemos que facer unha política anticrise. Se chegan a estar funcionando as regras de estabilidade, teriamos o Concello intervido.

Iso de ter os ‘homes de negro’ controlando as contas quedou por sorte moi atrás...

A sorte, entre aspas, foi que as regras de estabilidade estaban suspendidas dende a covid, pero tivemos que facerlle fronte a esa débeda: intentar facer o menor gasto posible, garantir os servizos mínimos e indispensables para os veciños e suspender eses servizos que se daban con certa alegría. O ano pasado, por exemplo, non puidemos celebrar o tradicional xantar dos maiores. Tivemos que mandarlles unha carta aos veciños onde se lles explicou a situación económica real do Concello.

Cando foi desaloxado da Alcaldía, gobernaba con Compromiso por Galicia. Agora faino co BNG. Está mellor engraxada esta coalición?

Si, si. Traballamos de maneira conxunta e temos moi definidas as áreas que leva cada un. Iso evítanos ter enfrontamentos. Con Compromiso por Galicia foi imposible. Un partido galeguista de esquerdas preferiu pactar co PP que con nós cando lle ofrecemos dende o primeiro día o mesmo acordo que temos co BNG.

"Desde o principio desbotei gobernar en minoría. Optamos por tender a man e chegar a acordos, como estamos facendo co Bloque"

Tendo 5 concelleiros de 11, fronte a 5 do PP e 1 do BNG, non pensou en gobernar en minoría?

Eu creo que non é bo nin para o Concello nin para os veciños. Se a veciñanza quixo un cambio, un Goberno claro de esquerdas pero por circunstancias non se definen só por unha forza e din que temos que poñernos de acordo dúas forzas políticas, como non o imos facer? Desde o principio desbotei gobernar en minoría. Optamos por tender a man e chegar a acordos, como estamos facendo co Bloque.

Antes falaba da situación económica que atopou ao volver á Alcaldía. Iso desanima a nivel persoal?

Eu intento buscar sempre o positivo. Da outra volta, cando entrei na Alcaldía, tiña moitísima ilusión. Nun ano e pico sacáronma de maneira radical, dende ternos seis meses sen salario, bloquearnos todo o que levabamos a pleno... Foi moi complicado e a verdade é que quedei queimado. Nesta segunda etapa, é certo que estamos moi atados, pero tamén é gratificante poder solucionar os problemas que teñen os veciños.

José Antonio Pereira, alcalde da Baña

José Antonio Pereira, alcalde da Baña / Javier Rosende Novo

Pero sen fondos é difícil solucionar problemas. Seguen estando tan limitados?

A verdade é que o primeiro que fago pola maña é mirar a aplicación dos bancos e ver os ingresos que temos para poder saber a quen lle podemos pagar. Date conta de que arrastramos un expediente extraxudicial de crédito do ano pasado de 800.000 euros nun concello cun orzamento que non chega a catro millóns de euros. Teño moitísima xente que me chama de maneira constante para intentar cobrar. Xente que fixo o seu traballo co anterior Goberno evidentemente ten que cobrar, pero non podemos pagarlle. Penso que este ano imos conseguir estabilizar un pouco a situación, pero segue sendo o que máis nos preocupa.

Así é complicado cumprir co programa electoral...

Seguimos con el, pero témolo que ter un pouco aparcado ata que resolvamos esta situación. Os primeiros seis meses do ano pasado non tivemos capacidade de facer practicamente nada. Agora estamos facendo algunha mellora viaria, algunha cousa de saneamento... Hai catro anos xa queriamos mellorar o abastecemento e o saneamento, pero o primeiro agora mesmo é afrontar a situación económica do Concello. Cando resolvamos iso, poderemos traballar co noso programa.

"O Servizo de Axuda no Fogar é primordial, pero é unha das cousas que máis nos desangra aos concellos"

Os que non se poden aparcar son os servizos sociais. Tranquiliza saber que a Xunta está disposta a revisar o que aporta para pagar o SAF, o Servizo de Axuda no Fogar?

O certo é que a nós cada vez nos dan máis competencias, pero menos financiamento. Nos catro millóns escasos que temos de orzamento, 976.000 euros van para servizos sociais. Deles, 476.000 son para pagar SAF dunha empresa auxiliar que traballa con nós. Temos sete traballadoras do SAF que xa non conto neses 476.000 euros. E todo iso vai a máis, porque os concellos rurais con poboación envellecida como o noso cada vez demandan máis ese servizo e tes que darllo aos veciños. É primordial, pero é unha das cousas que máis nos desangra aos concellos.

Entendo que é un reproche que lle fai tanto á Xunta como ao Goberno central, non?

Evidentemente pola miña cor política podería botar pedras enriba da Xunta, pero hai que ser realistas. O Goberno central terá que mirar de que maneira pode asignar unhas partidas para os concellos. Si é certo que lle pasa unhas cantidades á Xunta e esta repárteas, segundo o seu criterio. Pero isto non é cousa de partidos, isto é cousa de mirar polos concellos e de que nos chegue o financiamento que necesitamos.

Os parques eólicos poden ser unha vía para sumar ingresos, pero o seu Goberno non os quere...

No 2019 había unha previsión de seis parques eólicos que deixarían o Concello totalmente colapsado. Catro caeron e quedan dous, que imos intentar paralizar. Que conste que non estamos en contra das enerxías eólicas e renovables, pero na Baña, onde se propoñen, a 550 metros dunha vivenda, non son viables.

Suscríbete para seguir leyendo