ÍNTEGRO

Máis Porvir dálle emprego a sesenta e cinco traballadores e máis do 87% son persoas con discapacidad

A empresa de economía social aumentou o cadro de persoal e dá servizo a catro concellos de Costa da Morte  

Participantes na asemblea da Asociación Íntegro

Participantes na asemblea da Asociación Íntegro / Íntegro

A empresa de economía social Máis Porvir Xestión Social, impulsada pola Asociación Íntegro, segue medrando. A súa xerente, Sandra Caamaño, presentou o balance económico anual na asemblea da entidade e subliñou que xa forman parte desta empresa máis de 65 traballadores e traballadoras, dos cales o 87% son persoas con discapacidade.

Son 13 máis que en 2023 e, ademais de aumentar o cadro de persoal, Máis Porvir tamén incrementou as actividades e servizos prestados en concellos como o de Cabana, onde se desenvolven os diferentes obradoiros do programa de actividades sociais nas parroquias (cestería, artes manuais...), pero tamén ampliou a súa oferta de servizos e actividades a outros municipios como Ponteceso, Muxía e Camariñas.

A asociación impulsará un proxecto experimental de inclusión laboral co apoio dunha entidade externa

Entre os proxectos da Asociación Íntegro para os vindeiros meses figura a posta en marcha dun programa experimental sobre inclusión laboral, orientado ás persoas usuarias do centro ocupacional, coa intención de que coñezan de primeira man a realidade dun traballo ordinario. Unha iniciativa que será posible grazas a un acordo de colaboración cunha empresa externa especializada na materia, segundo sinalou a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira. Outra das novidades deste 2024 será a celebración cara finais de ano da andaina solidaria “por un millón de pasos”, que ten como finalidade promover a práctica da actividade física con paseos en grupo.

Na última asemblea tamén se renovou a xunta directiva, sendo apoiada por unanimidade a candidatura única integrada por Adolfo López Baña, que continúa como presidente; Ramón Pombo, vicepresidente; Anabel Castiñeiras, secretaria; Silvestre Couto, tesoureiro; e David Pombo, Manuel Caramés, Antonio Castiñeiras (representante das persoas usuarias do centro) e Mari Carmen García (enlace coas familias dos usuarios), como vogais.

A andaina solidaria ‘Por un millón de pasos’ promoverá a actividade física a través de paseos en grupo  

Asemade, reformaron os estatutos para adaptalos á nova normativa, que aposta por unha linguaxe máis inclusiva, asembleas telemáticas e a incorporación da palabra “curadores” en substitución de “titores”.