CONFLITO

Pechan catro parques comarcais de bombeiros por falta de persoal

O luns non estiveron operativos os de Cee, Ribeira, Ordes e Eume

Parque comarcal de bombeiros ubicado en Cee

Parque comarcal de bombeiros ubicado en Cee / ADC Bombeiros Costa da Morte

Os parques comarcais de bombeiros de Ribeira, Ordes, Costa da Morte e Eume (4 dos 10 que dependen do Consorcio coruñés) estiveron pechados na xornada do luns, día 24, “non restablecendo o seu servizo, como moi pronto, ata o martes 25”, denuncian os representantes sindicais do colectivo.

Sinalan ademais que na provincia de Ourense o parque de O Carballiño, que atende a máis de 20 concellos, “abriu unicamente con dous efectivos, sendo esta a terceira xornada consecutiva na que isto acontece”.

De non atoparse solucións a curto prazo, o verán, “igual que o resto do ano, virá acompañado de episodios constantes de peches de parques en toda Galicia, debido a falta de persoal é a negativa dos traballadores a realizar horas extraordinarias mentres non sexan palpables as melloras de condicións, xa que a día de hoxe nada cambiou respecto das condicións que iniciaron o conflito en maio do ano 2023”, afirman.

Os bombeiros, a pesares de levantar a folga, “temen sentirse enganados ante o feito de que se achegan os prazos nos que as administracións se comprometeran a ter resoltos certos aspectos sen existir ningún avance palpable”, conclúen. Os representantes dos traballadores chaman á calma, e confían nas negociacións.