FOTOGRAFÍA

'Zas na ollada dos Vidal' nas Torres do Allo

A mostra de 31 imaxes amosa a historia zaense desde comezos do século XX ata a década dos 70

O alcalde, Manuel Muíño, contemplando unha das imaxes da mostra

O alcalde, Manuel Muíño, contemplando unha das imaxes da mostra / Concello de Zas

As Torres do Allo acollen dende este luns a exposición Zas na ollada dos Vidal, organizada polos concellos de Zas e Laxe e a Deputación da Coruña, a cal permanecerá aberta ao público ata finais de ano. Ofrece unha escolma de trinta e unha fotografías que van desde comezos do século XX ata finais da década dos 70.

Son todas imaxes do Arquivo Fotográfico Vidal, actualmente depositado, dixitalizado e visitable no Museo do Mar de Laxe. É o único en Galicia da súa categoría declarado Ben de Interese Cultural (2019) e custodia un total de 59.667 fotografías realizadas principalmente nas comarcas de Bergantiños e Soneira.

O alcalde sinalando unha imaxe de Zas no ano 1930

O alcalde sinalando unha imaxe de Zas no ano 1930 / Concello de Zas

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, remarcou a importancia desta colección fotográfica para coñecer unha parte da historia do Concello de Zas e da súa veciñanza. Do mesmo xeito, sinalou que as imaxes seleccionadas para a mostra son documentos de enorme valor "que mostran de xeito gráfico as transformacións e procesos de cambio de lugares como a capital municipal ou Baio".