POLÍTICA MUNICIPAL

A alcaldesa de Fisterra di que non lle consta o expediente de expulsión

Áurea Domínguez asegura que non se vai someter "a ninguén nin a nada"

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra

Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra / Cedida

O pulso entre Alternativa dos Veciños (AV) e a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, continúa. A rexedora insiste en que non recibiu ningunha notificación do partido sobre a anunciada apertura dun expediente de expulsión, nin tampouco foi citada a unha xuntanza.

Hai que lembrar, que o presidente de AV, Ángel García, afirmou a pasada semana a este medio que a apertura do referido expediente lle fora “notificado oficialmente” e que esta semana sería chamada a unha reunión da comisión executiva do partido para abordar a crise aberta, logo de que lle esixirán a restitución de todos os cargos ao edil Francisco Martínez, que foi apartado do goberno local tras votar en contra dos orzamentos municipais o pasado 7 de xuño.

Ademais, a rexedora fisterrana pide para ela o mesmo “respecto” que o presidente de AV lle pide a ela cara o partido, e reitera que a súa función, como alcaldesa, “é velar polos fisterráns e gobernar para todos, para os que me votaron e para os que non”.

Subliña que “débome a Fisterra e non me vou someter a ninguén nin a nada”. Respecto ás irregularidades na prestación de servizos do arquitecto que veñen denunciando dende AV, Áurea Domínguez, entende que o técnico non cometeu “ningunha ilegalidade” e que cumpría co labor que tiña asignado no concello.