RECOÑECEMENTO

A Corporación e a veciñanza de Ribeira aplauden a brillante traxectoria da actriz Susana Sampedro

A homenaxeada presume de ser máis ribeirense que "a pedra da Rá"

Susana Sampedro foi agasallada cunha figura dunha artista galega

Susana Sampedro foi agasallada cunha figura dunha artista galega / C. Ribeira

O Concello de Ribeira ofreceu unha recepción á actriz Susana Sampedro, que foi arroupada por familiares, amigos e veciñanza no auditorio vello. O acto estivo presidido polo alcalde, Luis Pérez, e membros da Corporación.“Queremos demostrar que estamos moi orgullosos polo teu traballo e, como ribeirense, é unha honra poder presumir de artistas de grande nivel; temos grandes deportistas, grandes artistas e grande xente da cultura”, afimou o rexedor.

Tamén fixo referencia ao amplo currículo de Susana, que tamén é actriz de dobraxe, directora, cantante e actriz de teatro e televisión. Foi galardoada co Mestre Mateo á mellor actriz de reparto polo filme Matria.

Susana agradeceu as loubanzas e dixo ser “máis de Ribeira que a Pedra da Rá, é un orgullo estar nun teatro no que actuei con amigos, familiares e veciñanza. É a carreira máis bonita do mundo pero posiblemente sexa a máis dura; a arte é necesaria para expresarse, aprender e amosarnos outras realidades que nos axudan a mirar doutra maneira e a medrar como persoas”.