SUCESO

Deteñen en Ribeira a un pirómano que dedicou a noite a incendiar contedores do lixo

Foi sorprendido pola Policía cando intentaba prender lume a outro colector

Bombeiros sufocando as lapas nun dos contedores incendiados

Bombeiros sufocando as lapas nun dos contedores incendiados / Policía Local Ribeira

Un individuo foi detido esta madrugada en Ribeira cando intentaba prender lume a un contedor do lixo. Foi cazado in fraganti cando os axentes da Policía Local e a Policía Nacional andaban na súa busca, logo de ter constancia da queima dunha decena de colectores.

Un dos contedores ardendo en Ribeira

Un dos contedores ardendo en Ribeira / Policía Local Ribeira

Os lumes comezaron pouco antes das dúas da madrugada a carón do Colexio Sagrado Corazón de Ribeira e fóronse sucedendo ata a súa completa extinción pasadas as tres da mañá. En total, segundo informa 112 Galicia, resultaron calcinados dez colectores en distintos puntos: 4 preto do Colexio Sagrado Corazón, 2 na Ameixida, 2 na mesma estrada da Ameixida, pero preto do peirao e pegado ao posto de socorrismo, 1 no chiringo da Ameixida, e 1 na Praia Area de Secada.

Resto dun dos colectores calcinados

Resto dun dos colectores calcinados / Consorcio

A colaboración da veciñanza foi esencial, pois mediante as súas chamadas ao 112 Galicia facilitaron a posta en marcha dos operativos para sufocar os incendios e evitar a súa propagación a outros bens, como mobiliario urbano e vehículos.

Por fortuna, ningunha persoa sufriu danos, aínda que a actividade do equipo de extinción foi intensa no intervalo comprendido entre a 1:50 horas e as 3:10 horas. Así, os bombeiros de Boiro deberon facer fronte aos lumes, que se producían case de forma simultánea, e que os obrigou a desdobrarse por veces. 

Efectivos dos bombeiros e Policía Local e Nacional mobilizados esta noita

Efectivos dos bombeiros e Policía Local e Nacional mobilizados esta noita / Policía Local Ribeira

As lapas foron extinguidas polos bombeiros do Consorcio Provincial de Incendios con base en Boiro e non houbo que lamentar outros danos engadidos aos perxuizos sufridos para o servizo público de recollida do lixo.

Xunto coas tarefas de prevención e extinción, a Policía Local e Nacional de Ribeira iniciaron a procura do autor destes actos vandálicos, sendo localizado no lugar de Area Secada, onde foi sorprendido intentando queimar outro colector, intre no que se procedeu á súa detención.