INFRAESTRUTURAS

Educación destina un millón de euros para ampliar e dotar dun ximnasio ao colexio de Fisterra

O proxecto contempla tamén a reforma dos vestiarios da planta baixa

Belén do Campo, á esquerda, durante a vista ao CEIP Mar de Fóra, de Fisterra

Belén do Campo, á esquerda, durante a vista ao CEIP Mar de Fóra, de Fisterra / Xunta

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o CEIP Mar de Fóra de Fisterra, onde anunciou a licitación dunha actuación que suporá un investimento de 951.000 € para levar a cabo as obras de ampliación e melloras no centro, que terán un prazo de execución de 9 meses.

A finalidade é, por unha banda, levar a cabo unha ampliación para contar cun espazo destinado a ximnasio. Para iso, proxéctase unha edificación en planta baixa, exenta do edificio principal. A cuberta integrarase coas cubertas actuais do centro e da contorna, construídas en tella vermella, mediante un panel sándwich.

A actuación tamén contempla no edificio principal a reforma dos vestiarios situados na planta baixa. Para iso, sumarase á superficie dos existentes o espazo ocupado polo almacén e a ANPA, practicamente en desuso.

Ademais, dotarase ao centro dun vestiario accesible, do que actualmente non dispón. Crearase un acceso directo ao patio norte desde os vestiarios, que permita conectalos co ximnasio. O acceso disporá dunha rampla accesible.