MÚSICA

Fisterra Experience, un festival para descentralizar a oferta cultural galega

 The Rapants, Blas Morán & Nasaufunk e o Dj Peter Sélek actuarán no Escenario Xacobeo

Pola esquerda, Pepe Formoso, xerente do Hotel Bela Fisterra; Áurea Domínguez, alcaldesa; Paula González, directora de Comunicación; Belén do Campo, delegada da Xunta; e José Luís Gómez, delegado de Estrella Galicia presentado o Fisterra Experience

Pola esquerda, Pepe Formoso, xerente do Hotel Bela Fisterra; Áurea Domínguez, alcaldesa; Paula González, directora de Comunicación; Belén do Campo, delegada da Xunta; e José Luís Gómez, delegado de Estrella Galicia presentado o Fisterra Experience / J. M. R.

O Hotel Bela Fisterra acolleu a presentación do festival Fisterra Experience, un evento que se celebrará do 28 ao 30 xuño e que vén substituír ao desaparecido Fisterra Blues Experience, deixando de lado a focalización na música americana e apostando neste caso por un menú variado en estilos e formas, pero centrado na produción galega, segundo explicou Paula González, directora de comunicación do festival, que estivo acompañada pola delegada da Xunta, Belén do Campo; a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez; e o delegado de Estrella Galicia na comarca, José Luís Gómez Rego.

Cartel promocional do Fisterra Experience

Cartel promocional do Fisterra Experience / Cedida

O programa do Fisterra Experience destaca pola súa variedade de propostas, a maioría de balde, con The Rapants como prato forte. Comezará o venres 28 cunha sesión Eme DJ durante o solpor no Semáfaro de Fisterra. O sábado, a programación dará comezo cunha sesión vermú a cargo de Ukestra do Medio no Hotel Bela Fisterra e a actividade Música a Bordo, que correrá a cargo do cantautor Indomable a bordo dun barco de Cruceros Fisterra.

Pola noite, no Escenario Xacobeo da rúa da Foliada, a festa iniciará co concerto de Brais Morán & Nasaufunk, seguido de The Rapants e cunha sesión DJ de Peter Sélek para pechar a velada. Para finiquitar a experiencia, o domingo, Cachas & Cousins ofrecerán unha sesión vermú no Hotel Bela Fisterra.

O grupo muradán The Rapants será o cabeza de cartel

O grupo muradán The Rapants será o cabeza de cartel / The Rapants

Paula González subliñou a renovación do festival, que xorde “cunha nova liña e un novo concepto”, mantendo Fisterra como sede por ser un“territorio singular, no que se teñen que celebrar eventos culturais deste tipo”. Remarcou ademais a intención por parte da promotora de “descentralizar a oferta cultural galega”, que actualmente está condensada nos principais núcleos urbanos.

 A música comezará a soar o venres 28 cunha sesión de Eme DJ durante o solpor na terraza do hotel O Semáforo  

Pola súa parte, a delegada da Xunta, Belén do Campo, destacou que “este evento é unha mostra da calidade musical pola que aposta a Xunta, cun cartel que mestura artistas fundamentalmente galegos con gran variedade de ritmos musicais”. Destacou que o evento contará cun apoio da Xunta de 40.000 euros, e subliñou ademais a importancia deste tipo de festivais “como unha oportunidade para trasladar aos turistas e peregrinos que Galicia é unha comunidade cunha oferta turística sen precedentes, coa excelencia e a calidade como bandeira duns recursos e medios sen parangón”.

Acto de presentación do festival Fisterra Experience

Acto de presentación do festival Fisterra Experience / J. M. Ramos

A delegada territorial da Xunta sinalou ademais que este verán volve a ser “unha oportunidade única para Galicia, para seguir facendo visible o que temos que aportar a España e ao resto do mundo”.

Lembrou que en 2023 se entregaron máis de 446.000 compostelas e Galicia acadou máis de 7 millóns de viaxeiros que fixeron 13,3 millóns de noites, “é dicir, un 6,6 e un 5,8% máis que no 2022”. No 2024, engadiu, “queremos seguir batendo récords e a Costa da Morte é un destino con grandes posibilidades”.

Cachas & Cousins porá fin á experiencia cunha sesión vermú no Bela Fisterra, ao carón da praia Langosteira

A alcaldesa, Áurea Domínguez agradeceu o esforzo dos patrocinadores, Xunta e Estrella Galicia, e en especial á promotora do festival, Nordesía Producións. “É un ano complicado para estes eventos, pero o Concello seguirá dando apoio”.

TEMAS