SAÚDE

O Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte dá apoio a 87 nenas e nenos nos centros de Dumbría e Vimianzo

Dende o ano 2020 deu cobertura a 238 crianzas

O presidente de Aspadex, esquerda, co alcalde de Dumbría e a directora da entidade asinando a prórroga do Servizo de Atención Temperá de Costa da Morte

O presidente de Aspadex, esquerda, co alcalde de Dumbría e a directora da entidade asinando a prórroga do Servizo de Atención Temperá de Costa da Morte / ECG

O Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte segue reforzando a súa oferta de servizos, e o venres, día 28, porá en marcha un ciclo de xuntanzas sobre desenvolvemento infantil, que se levarán a cabo nos diferentes concellos da zona e nas que abordarán temáticas diversas sobre a crianza e o desenvolvemento, “avaliando de maneira xeral todos os aspectos que lle interesan ou preocupan ás familias da nosa cotorna”, afirman.

Trátase dun servizo financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, que botou a andar no ano 2020 e dá cobertura aos concellos de Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. A asociación Aspadex é a entidade encargada da xestión do servizo, para o que conta cun equipo de cinco profesionais que, dende a súa creación, atenderon a 238 crianzas e na actualidade dán apoio a 87.

Dispoñen de dous centros ubicados estratexicamente no Ézaro (Dumbría) e Vimianzo para achegarse a unha poboación dispersa e ampla. Neles atenden á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias, para dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes por trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos. A labor das profesionais céntrase en potenciar o desenvolvemento físico, cognitivo, social e emocional.

O equipo profesional está formado por Uxía Sar López, terapeuta ocupacional que exerce de coordinadora; Inma Fariña Lema e Isabel Liñeiro, logopedas; Carla Gómez Fiejóo, psicóloga; e Carolina Verdía Arcos, mestra de Educación Infantil.

Elas serán as encargadas de dirixir as xuntanzas que comezarán o venres, día 28, nas instalacións do Conco (Dumbría) ás 11.00 horas. Están orientadas a familias ou a calquera persoa interesada. “Abordaránse cuestións como as etapas do desenvolvemento, os procesos madurativos, debateremos acerca da crianza, o apego e a exploración, de como estimular o xogo e a importancia de fomentar a autonomía. Serán dináminas e un espazo de reflexión e debate en grupo”, afirman.