FESTIVAL

Rompetiño Jump xunta en Porto do Son música e deportes urbanos

A cita encherá de animación a vila os días 5, 6 e 7 de xullo  

Lucía Miranda, Luis Pazos, José Ramón Lete, Luis Oujo, Jacobo Sutil e Jesús Sáez presentando o Rompetiño Jump 2024 no Centro de Interpretación do Castro de Baroña

Lucía Miranda, Luis Pazos, José Ramón Lete, Luis Oujo, Jacobo Sutil e Jesús Sáez presentando o Rompetiño Jump 2024 no Centro de Interpretación do Castro de Baroña / Rompetiño Jump

Porto do Son quence motores para a oitava edición do Rompetiño Jump, un dos eventos máis esperados do verán, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xullo. A música e os deportes urbanos serán os grandes protagonistas da cita, que foi presentada este luns no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Imaxe do cartel promocional do Rompetiño Jump 2024

Imaxe do cartel promocional do Rompetiño Jump 2024 / Rompetiño Jump

A oferta deportiva é variada e totalmente gratuíta para os máis activos. Haberá talleres deportivos para o público infantil de break, parkour, surf e bodyboard. Unha das probas estrela do Rompetiño é a BMX-cup, que se desenvolverá nunha pista de madeira montada para as delicias dos asistentes e competidores. Complementarán a cita a Skatecup, unha proba da Liga Galega de Break e unha competición de Basket 3x3 con máis de 20 equipos en categorías femininas e masculinas de todas as idades.

Pola súa banda, o cartel musical inclúe á aclamada Pili Pampín, a enérxica Banda de Balbina, o grupo de música galega Suevia e un DJ. Ademais, haberá unha zona infantil, terrazas, obradoiros, exhibicións, barbería gratuíta e unha área de restauración e tendas. As entradas poden mercarse en Woutick.es e o detalle da programación está dispoñible en Rompetino.org e nas redes sociais do festival que, un ano máis, segue asociado á marca FEST Galicia, coa que a Xunta apoia festivais con características singulares e diferenciadoras que achegan valor engadido á experiencia musical.

As probas deportivas son un dos grandes atractivos do festival

As probas deportivas son un dos grandes atractivos do festival / Rompetiño Jump

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturias, Jacobo Sutil, participaron na presentación, conducida por Lucía Miranda. Lete lembrou que as principais competicións deportivas do Rompetiño son disciplinas olímpicas e salientou a importancia de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez; a ciclista Ainoa Posada; o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro.

Asegurou ademais que a consolidación deste festival propicia que Galicia conte “cunha mocidade activa e saudable e que, no futuro, poidamos renovar a lista de olímpicos galegos e galegas, que cada ano medra en número de éxitos”.

A oferta de actividades é moi ampla e variada

A oferta de actividades é moi ampla e variada / Rompetiño Jump

Jacobo Sutil, pola súa banda, subliñou a “especial conexión coa xuventude e co territorio, contribuíndo deste xeito á diversidade e descentralización da oferta cultural galega”.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, agradeceu o apoio da Xunta e louvou o gran labor do equipo que dirixe Luis Pazos, e “o seu esforzo, dedicación e tenacidade”. O Rompetiño, engadiu o rexedor, “é mais que un festival e cultura, é algo que forma parte de todos os eventos que facemos en Porto do Son, e é o inicio de todo o que vai vir”. Por iso, reiterou que o Concello “seguirá apostando polo Rompetiño Jump”.

A música é outros dos pratos fortes do festival de Porto do Son

A música é outros dos pratos fortes do festival de Porto do Son / Rompetiño Jump

Pola súa banda, o director do Rompetiño Jump, Luis Pazos, subliñou que esta iniciativa é “unha aposta pola xente moza, a música e a cultura” e animou a todos a desfrutar en Porto do Son da “mellor experiencia posible”. No acto tamén participou Jesús Sáez, responsable de Marketing e Clientes Mahou, quen lembrou que levan apoiando esta cita desde o primeiro ano e asegurou que hoxe é xa “un referente” da cultura urbana en Galicia.