Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Manuel González Alcalde de Outes

“Os concellos rurais tamén precisamos vivenda pública”

“A Xunta non pode establecer unha gratuidade e despois dicirlles aos municipios: páguena vostedes”

Entrevista a Manuel González López, alcalde de Outes

Jesús Prieto

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Pasou de gobernar en minoría, á fronte de Compromiso Outes, a liderar un tripartito con BNG e PSOE, que, asegura Manuel González, está funcionando ben. Orgulloso das políticas de conciliación postas en marcha nestes anos, márcase como prioridade crear solo industrial e pídelle á Xunta que cumpra coa súa parte para asumir o custo dos servizos municipais.

Outes non tivera nunca antes un Goberno tripartito. De verdade está sendo doado entenderse con BNG e PSOE?

Si, o tripartito está funcionando ben. Como en calquera Goberno, tamén nos que teñen unha soa cor política, pode haber diferenzas de opinión nalgunhas cuestións, pero en xeral estamos funcionando de maneira coordinada e como un Goberno unido. E agardo que siga sendo así nos vindeiros tres anos.

O certo é que de ser alcalde en minoría de 2019 a 2023 pasou a cogobernar con outras dúas forzas. Vive máis tranquilo agora?

Posiblemente si. Hoxe en día os plenos son moito máis tranquilos. No mandato anterior tivemos problemas para levar a pleno asuntos de relevancia, como os propios orzamentos. Agora, hai acordos previos e gobérnase con máis tranquilidade.

Aínda que tanto Compromiso Outes como BNG e PSOE perderon apoios respecto do 2019...

En 2019 fomos a forza máis votada e puidemos gobernar en minoría. Naquel momento non vimos que existira suficiente confianza cos grupos cos que poderiamos coaligarnos. Desta volta, a primeira forza foi o PP e a necesidade obrigou, pero creo que estamos demostrando que se pode gobernar con forzas diferentes.

Dicíao vostede, o PP foi a única forza que subiu nas municipais do ano pasado. Un dos reproches que lles fai é que gastan moito en dedicacións, un 68% máis. É así?

Se o comparamos co mandato anterior, cando gobernamos en minoría, é moito máis, pero é que nós tivemos un gasto moi baixo. En comparación co que gastaba o PP cando gobernaba, é moito menos.

Nos orzamentos que aprobaron este ano tamén subiu o gasto en persoal. Cal é a explicación?

O capítulo de persoal aumentou moitísimo, pero o que representan as dedicacións exclusivas é mínimo. Incrementouse porque levamos acumulado unha serie de subas produto de un convenio colectivo que se foi aplicando en catro anos, porque aumentamos o persoal para poñer en marcha servizos que non existían, como a escola infantil ou a Axencia de Desenvolvemento Local. Os gastos de persoal supoñen máis do 45% do total das contas, como na maioria dos pequenos concellos, pero é necesario porque temos servizos novos e actualizamos os salarios como correspondía. Nos investimentos dependemos doutras administracions sobre todo da Deputación. Pero hai un incremento dos gastos correntes moi importante que posiblemente nos leve a tomar medidas.

"Nos últimos cinco anos experimentouse unha inflación moi grande que non se repercutiu na cidadanía"

Como cales?

En cinco anos o custo da recollida e tratamento do lixo duplicouse. Agora mesmo o servizo cústanos 430.000 euros ao ano, incluido o que lle hai que pagar a Sogama, e recadamos menos de 250.000 coa taxa do lixo. Isto non é sostible no tempo. No último lustro experimentouse unha inflación moi grande e iso non se repercutiu na cidadanía.

Outro dos gastos gordos de calquera concello é o Servizo de Axuda no Fogar. Alivia saber que a Xunta vai subir a súa aportación?

De momento, a Deputación comunicounos que a parte que eles financian vai subir. Da Xunta non temos aínda ningunha información, pero é necesario. Nós estamos agora para licitar ese servizo e posiblemente estea nos 20 euros a hora. Dos 12 euros que paga a Xunta ata eses 20 son moitos cartos de diferenza.

Manuel González, alcalde de Outes, na redacción de EL CORREO GALLEGO

Manuel González, alcalde de Outes, na redacción de EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

É a eterna queixa dos alcaldes...

É que por exemplo en Outes creamos unha escola infantil municipal, que non había, e a Xunta estableceu unha gratuidade. Pero, quen a paga? Nós. A Xunta dáche uns cartos por cada rapaz que atendes, pero aos concellos danos moito menos que ás escolas infantís privadas. Nós non cubrimos máis do 20% dos custes da escola infantil con ese diñeiro. A Xunta non pode establecer unha gratuidade e despois dicirlle aos concellos: páguena vostedes.

"A Outes está vindo moita xente que quere establecerse alí e ten moitas dificultades para atopar onde vivir"

Ter servizos de conciliación é indispensable para ganar poboación. Pero o que máis preocupa agora mesmo é a escaseza de vivendas. Cal é a situación en Outes?

Nós recuperamos unha antiga unitaria para vivendas de alugueiro social, pero isto por si só non amaña o problema. En Outes fan falta vivendas de alugueiro. Está vindo moita xente que quere establecerse alí e teñen moitas dificultades para atopar onde vivir. Dende a Xunta nos din que teñen que priorizar as áreas máis urbanas, pero os concellos rurais tamén precisamos vivenda de carácter público. É a gran materia pendente en Galicia e en España.

Tendo vivenda poderían acoller vostedes moita xente que traballa en Santiago...

Outes é un paraíso a 30 minutos de Santiago. É unha gran vantaxe dende o punto de vista turístico –hoxe en día Broña é a praia de Compostela–, pero pode ser un espazo máis case da área metropolitana de Santiago. O que necesitamos é mellorar o transporte público e políticas de vivenda máis activas.

"Outes pode ser un espazo máis case da área metropolitana de Santiago. O que necesitamos é mellorar o transporte público e políticas de vivenda máis activas"

Tamén necesitan máis solo industrial...

Así é. Se todo vai ben, nos próximos dous ou tres meses imos aprobar provisionalmente a modificación do PXOM para chan industrial. No 2011-2012 aprobouse o Plan Xeral. Ano e medio despois unha sentenza anulou o espazo dedicado a uso industrial e ata 2019 o PP non fixo nada. Cando chegamos nós, empezamos con este proceso, que supón moita burocracia, e imos dar o último paso antes da aprobación definitiva por parte da Xunta. Despois aínda terá que vir o plan parcial.

En que outros proxectos quere avanzar ata final de mandato?

Ademais dese plan parcial, gustaríame avanzar no que ten que ver coa eficiencia enerxética e consolidar as políticas de conciliación.

Tracking Pixel Contents