Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A televisiva Paula Señarís abre hoxe os Seráns de Ames

A cita é na praia fluvial de Tapia

Tras o seu pregón, ás sete da tarde, actuará o grupo As Maianas

A escritora e comunicadora Paula Señarís será a pregoeira dos Seráns de Ames

A escritora e comunicadora Paula Señarís será a pregoeira dos Seráns de Ames / CEDIDA

Iria Gosende

Ames

Este xoves comeza a cuarta edición dos Seráns de Ames, unha proposta con diferentes actividades culturais para todos os públicos e que levará espectáculos do máis interesante a diferentes puntos do rural amesán durante este verán.

A primeira cita deste programa estival arrinca ás 19.00 horas na praia fluvial de Tapia co pregón da xornalista e escritora Paula Señarís, natural de Ameixenda, e coa actuación do grupo As Maianas, tamén procedentes do Concello de Ames. A pregoeira, habituada aos focos da televisión polo seu traballo na TVG, admite que esta situación para ela é máis difícil do que semella pois “hai máis presión ao ser na casa”. Cualifica este evento como “unha oportunidade para achegar a cultura ao rural”.

Desta volta, os Seráns de Ames levaranse a cabo en 4 puntos diferentes do Concello: Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón, aumentando así as localizacións dos espectáculos con respecto a edicións anteriores.Todas as actividades se desenvolverán os xoves –coa excepción do Día de Galicia no 25 de xullo– dos meses de xullo e agosto.

Cabe resaltar a figura de Paula Señarís como pregoeira, pois é unha muller moi recoñecida nas pantallas dos galegos e, ademais, sempre saca tempo para dedicarllo á súa paixón, a literatura. “A escritura moitas veces equilíbrame ante as présas da televisión, son ritmos totalmente distintos e é unha actividade que me permite pausar e saír desa voráxine diaria”, destaca a xornalista amesá, que admite inspirarse na súa terra para algunhas das súas historias.

O grupo de cantareiras As Maianas será o encargado de inaugurar o evento este xoves, xusto despois do pregón e na mesma praia fluvial de Tapia, cun espectáculo que aposta polos sons máis tradicionais da nosa terra. Así mesmo, no mes de xullo tamén chegarán as actuacións de Sr. Salvaje, o xoves 11 no campo da festa de Biduído, cunha proposta de música rock dirixida a un público máis adulto. O xoves 18, no campo da festa de Bugallido, poderá verse o espectáculo de danza e circo A vida tola de pajarito, orientado a un público máis infantil.

Títeres, foliada e monólogos

Pola súa banda, agosto traerá consigo todo tipo de actuacións dentro deste programa. Títeres, foliada ou un mónologo serán algunhas das opcións que se poderán disfrutar nestes Seráns de Ames.

Esta gran aposta de ocio no rural, nun Concello caracterizado pola súa gran evolución destes últimos anos nos seus principais núcleos urbanos, é, segundo a pregoeira desta edición, unha dicotomía moi enriquecedora para ambos mundos.

Tracking Pixel Contents