Ames presenta o seu dispositivo municipal de actuación e prevención dos incendios forestais

O plan establece as medidas de actuación ante os lumes e traballos de prevención como a limpeza de montes e fincas // Defínense 3 niveis de emerxencia segundo o grao do lume

Blas García, no centro, xunto con Javier Antelo, primeiro esqda. e  Patricia Reboreda, segunda dta.

Blas García, no centro, xunto con Javier Antelo, primeiro esqda. e Patricia Reboreda, segunda dta. / Iria Gosende

Iria Gosende

O Concello de Ames presentou este mércores o seu plan municipal contra os incendios forestais de 2024, coa finalidade de que cada grupo de intervención estea preparado para abordar calquera actuación do xeito máis eficiente e rápido posible. O dispositivo forma parte do Plan de Incendios na temporada de alto risco –que abrangue do mes de xullo a setembro– e busca continuar coa coordinación e a implicación de todas as persoas e grupos de intervención do municipio. 

A presentación do dispositivo realizouse no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, e contou coa asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes coma os axentes da Protección Civil. O acto foi conducido polo alcalde de Ames, Blas García, xunto co concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo e a técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda

Blas García explicou que a pesar de que os incendios forestais que atendeu o Concello nos últimos anos non foron de grandes dimensións, no plan establécense tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio, recollendo o peor dos escenarios no nivel 3, “que agardemos que non haxa que activar nunca”. 

Pola súa banda, o concelleiro Javier Antelo destacou que o dispositivo tamén contará con traballos previos para a limpeza do monte, o que resulta chave para a prevención dos lumes. Xunto aos labores executados por axentes medioambientais, o Concello está a enviar notificacións de limpeza aos veciños con parcelas próximas ao monte.

O plan de incendios recolle e organiza todos os medios persoais e materiais cos que conta o propio Concello para actuar de forma breve e eficaz fronte aos posibles lumes forestais que poidan xurdir na localidade. 

Grupos amplos

Deste xeito, cada departamento sabe cal é o traballo que ten que desenvolver e evitar así imprevistos e axilizar os procesos. Os grupos implicados son moi amplos, pois van dende os axentes que interveñen nos lumes ata persoal de varias concellerías. 

No protocolo establécense 3 situacións de emerxencia sendo o nivel 1 de pre-alerta, o que non implicaría a activación do dispositivo municipal. O nivel 2 actívase cando se precise controlar lumes que non poñan en risco á poboación ou para controlar unha zona afectada e evitar reactivacións. Por último, o nivel 3 activaríase cando os habitantes poden verse afectados