PLENO

Muros aproba un orzamento cun claro acento social e máis de 1,2 millóns para investimentos

As contas superan os 9,4 M€ e actualízanse así as prorrogadas dende 2021

O pleno celebrouse na casa consistorial de Muros

O pleno celebrouse na casa consistorial de Muros / Concello de Muros

O Concello de Muros aprobou este mércores nun pleno extraordinario o orzamento municipal de 2024, por un importe de 9.462.925,52 euros, cos votos a favor dos grupos de BNG e PSdeG, e o rexeitamento dos edís de PP e Muros Centrado.

A alcaldesa, María Lago, destaca “o claro acento social destas contas e a importancia de contar cun novo orzamento, xa que o anterior era o do 2021 prorrogado”. Asemade, asegura que contarán cuns orzamentos anuais ata o final do mandato. De feito, sinala que xa están traballando na elaboración do de 2025. Pola súa parte, a tenenta de alcaldesa, Caridad González, explica que con estas contas “solucionamos a carencia de persoal coa que nos atopamos ao chegar ao goberno, ademais de abonar numerosas facturas de proveedores que levaban case un ano de retraso”.

Dentro dos orzamentos, destacan os 1.254.217,30 euros para investimentos reais (13,25% do total), que se destinarán á obras e actuacións que mellorarán os servizos e infraestruturas en todas as parroquias.

“Máis aló dos grandes proxectos, consideramos prioritario mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas con obras de pavimentación, saneamento, abastecemento, ou acondicionando inmobles municipais para darlles un uso social”, explica María Lago.

É un orzamento “prudente, necesario e efectivo, que nos permite traballar cun soporte económico que tamén nos vai valer para poder acceder a outras achegas e subvencións”, engade Caridad González.

No que respecta a gastos en servizos e bens correntes, a partida é de 2.053.876,40 euros (21,70% do total), para afrontar entre outras cousas o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O concello reforzará todas as medidas sociais e de apoio á conciliación.

Nas trasferencias correntes (1.213.111,57 euros) destaca a partida para facer fronte ao importante aumento das cotas de recollida de lixo na Mancomunidade de Municipios da Serra de Barbanza. E no capítulo de gastos de persoal (4.566.358,31 euros), recóllense a totalidade dos postos de traballo do persoal funcionario e laboral fixo e indefinido coas retribucións actualizadas.

Dótanse as prazas do persoal que se xubila coa intención de cubrilas e reforzaranse a Policía Local, a limpeza viaria, a brigada de obras e a plantilla de auxiliares do SAF.

“É un orzamento social e realista, pensado por e para os veciños e veciñas de Muros, que recolle na medida do posible as súas demandas e as das entidades do noso tecido asociativo, reforzando o plan de mellora continua dos servizos e infraestruturas públicas”, subliña a alcaldesa.