CITA HISTÓRICA

Noia reivindica o Portus Apostoli e a súa historia na Feira Medieval

Este ano cumpre 25 anos e, con tal motivo, ampliarase a catro días, do 18 ao 21 de xullo

José Pérez, edil de Cultura de Noia, co cartel promocional da Feira Medieval

José Pérez, edil de Cultura de Noia, co cartel promocional da Feira Medieval / Cedida

A Feira Medieval de Noia celebra este ano as súas bodas de prata e, con tal motivo, ampliará a catro os días da viaxe pola historia, do 18 ao 21 de xullo, “xa que é algo especial para todos e é unhas actividades máis importantes do ano e cunha gran repercusión económica”, afirmou o concelleiro de Cultura, José Pérez.

Unha das novidades desta vinte e cinco edición será o desfile infantil, que se celebrará por primeira vez coa fin de “involucrar máis aos nenos e nenas, moitos dos cales xa participan activamente todos os anos”, sinalou Pérez. Ademais, os concertos musicais concentraranse no Tapal, mentres que os espectáculos de lume terán lugar no Curro.

Non faltará tampouco o tradicional desfile dos fachos, que partirá da rúa Peregrina e no que participarán todos os veciños e veciñás de Noia que o desexen, acompañados polos protagonistas dos espectáculos programados para a feira. “Rematará cun espectáculo especial, que non imos desvelar para que sexa unha sopresa, e cunha sesión de fogos de artificio”, engadiu.

Respecto aos postos de venda que encherán de vida a feira noiesa, José Pérez asegurou que “recibimos máis solicitudes que outros anos, pero temos unha comisión avaliadora para decidir quen poden participar, porque repetir moitos produtos non beneficia á feira nin aos propios artesáns”.

Nos vindeiros días farán pública a programación completa, con detalle dos espectáculos, e pecharán tamén o dispositivo de seguridade que, o concelleiro de Cultura, xa adianta que será “o máis importante que teremos en Noia ao longo do ano”. Así, engadiu, “falamos de máis de vinte e cinco persoas de seguridad privada, Policía Local e o apoio da Garda Civil e Subdelegación do Goberno”.

O centro de operacións situarase no Coliseo Noela, onde tamén brindarán asistencia os membros da Cruz Vermella. O obxectivo “é que a xente poida desfrutar da feira dun xeito seguro e tranquilo, que é o máis importante”, subliñou José Pérez.

A Feira Medieval é ademais unha actividade coa que o Concello de Noia se reafirma como Portus Apostoli e reivindica o recoñecemento do Camiño de Santiago. Asemade, Pérez asegura que esta cita “é unha chiscadela a igrexa de Santa María a Nova e aos gremios, xa que é un patrimonio case único no mundo e temos que coidalo”, concluíu.

A cita coa historia é tamén unha das actividades destacadas do programa Rúas Vivas 2024 co que a Concellería de Cultura e Turismo quere encher de vida as rúas e prazas da capital local, a través de actuacións en pequeno formato que complementarán as visitas guiadas, teatralizadas e patrimoniais, e as andainas. “Un programa completo de ocio totalmente gratuíto para que se divirtan os nosos veciños e veciñas e tamén quenes nos visitan”, afirma o concelleiro noiés.

Este mércores, día 10 ás 21.00 horas actuará Troula na Barquiña, na Alameda; e o xoves á mesma hora no Curro estará Chiña. O venres, a cita é na Praza da Constitución cos concertos de Jerry Noia Jukebox e DJ Pichi. E o sábado, día 13, chega unha das grandes citas: o Estival Fest, que comezará coa sesión vermú amenizada por Boomers (13.30 horas no Malecón de Gasset), e continuará coas actuacións de Lou Reyes (20.00 horas na Alameda), Iván Ferreiro (23.00 horas no Campo de San Alberto) e pechará a gala Galician Army.

A música seguirá soando o domingo, día 14, cun concerto da Banda Municipal de Música na Alemeda (20.00 horas). E o luns, día 15, o Mago Deimi presentará o seu espectáculo ás 12.30 na Praza do Cantón. Os nenos poderán gozar dos contos de Chef e Chof o mércores, ás 12.30.