OBRAS

O 12% dos traballos de prolongación da autovía entre A Ramallosa e Pontevea xa están feitos

Este mércores executouse unha nova voadura no Desmonte 6

Louzao, esquerda, Campos, Martínez e Calvo supervisando as obras da autovía

Louzao, esquerda, Campos, Martínez e Calvo supervisando as obras da autovía / Xunta

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; e o rexedor da Estrada, Gonzalo Louzao, supervisaron este mércores a voadura no Desmonte 6, enmarcada nos traballos de prolongación da autovía autonómica AG-59 desde Ramallosa a Pontevea, no concello de Teo. As obras atópanse, ata a data actual, cun grao de execución dun 12,3%, e a previsión do seu remate sitúase a finais do ano 2025.

Dentro das actuacións precisadas para a execución deste novo tramo da autovía Santiago – A Estrada, necesítase levar a cabo a escavación do Desmonte 6, situado en torno ao PK 102+750 da obra da AG-59, preto de Olveira, en Teo. Nesta zona os materiais para escavar son de tipo rochoso, cuxa dureza impide que se poida levar a cabo a escavación por medios mecánicos convencionais e fai que se deban executar voaduras mediante explosivos para o seu arranque.

A actuación abarcaba un volume de material a voar de 4.500 m3, polo que se empregaron aproximadamente 1.000 quilos de explosivos nun único disparo. Para levar a cabo esta intervención, cun presuposto de execución material de 39.015 €, efectuáronse 100 barrenos dunha media de 5 metros de longo, formando unha malla de 33 metros.

Esta voadura, xunto coas que se prevén nos próximos meses, son a parte máis importante do movemento de terras e, ademais, aprovéitase o material extraído para reencher onde sexa necesario na construción da explanada da autovía. Nesta obra están a levarse a cabo unha media de catro voaduras mensuais e tense feito, ata agora, no Desmonte 6 e no Desmonte 4 da obra.

Protocolo de seguridade

Dende a a Xunta sinalan que se cumpriu estritamente o protocolo de voaduras particular para a zona. O trazo da futura vía afecta a pistas e camiños públicos, polo que o director facultativo “asegurouse de que todos os accesos no perímetro de seguridade estiveran cortados ou baixo vixilancia e cunha correcta sinalización antes de executar os disparos”, afirman. Ademais, o director facultativo e o artilleiro realizaron un exame do fronte para asegurarse de que a voadura realizouse correctamente e que non quedaron barrenos fallidos. A maiores, o protocolo incluía o emprego de proteccións adicionais sobre a propia voadura e os bens a protexer, ademais da restitución da circulación unicamente cando xa non se prevía risco algún para o tráfico rodado.

Con estes traballos, a Consellería de Infraestruturas continúa avanzando na execución das obras do novo treito da autovía libre de peaxe entre Santiago e A Estrada, que comezaron a finais de outubro do 2023. As obras suporán un investimento de máis de 33 millóns de euros e permitirán habilitar 3,5 quilómetros da AG-59. O novo treito disporá de dous enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara o Norte (Santiago de Compostela), como cara o Sur (A Estrada). Un deles, resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro, de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea.

Segunda fase

A Xunta segue avanzando de xeito paralelo no proxecto da 2ª fase da autovía, un treito de 4 km entre Pontevea e O Rollo, no municipio da Estrada. Suporá un investimento base de 30,6 millóns e está a adaptarse á nova normativa de cálculo de estruturas para ser aprobado.

O tempo da viaxe entre a capital de Galicia e a capital estradense reducirase a dez minutos

Unha vez rematada toda a actuación da prolongación da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros, segundo subliñan dende a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. As obras da actual fase de ampliación foron adxudicadas en agosto de 2023 á UTE Vías y Construcciones S. A. - Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa S. L.- Marconsa.

O proxecto contempla a construción de seis novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía, tres pasos inferiores e dous superiores, ademais de variantes das estradas actuais e camiños de servizo ao longo do trazado da autovía.

Asemade, executaranse catro enlaces á altura da Ramallosa e outros tantos en Pontevea, que permitirán completar os movementos de entrada e saída, tanto en dirección á Estrada como a Santiago.

O obxectivo é incrementar a funcionalidade da propia autovía AG-59 e reforzar o servizo que prestará ás poboacións que atravesa, fundamentalmente no ámbito municipal de Teo.  

Suscríbete para seguir leyendo