O CEIP Barrié de Santa Comba recibe o distintivo de calidade ‘Sello Vida Saludable’

Este selo supón o recoñecemento a un traballo e aposta pola vida saudable de longo percorrido no colexio xalleiro

Alumnado do colexio nun dos proxectos de vida saudable

Alumnado do colexio nun dos proxectos de vida saudable / Archivo

Iria Gosende

Despois de 10 anos impulsando a vida saudable co seu 'Proxecto de Vida Activa e Deportiva', coordinado polo actual director do centro, César Ramos, o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba recibe o distintivo de calidade Sello Vida Saludable que outorga o Ministerio de Educación. 

Este recoñecemento é concedido aos centros que fomentan a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a incorporación de prácticas de vida saudable e unha educación física que permita o desenvolvemento persoal e social ao longo de toda a etapa de escolarización do alumnado. Para o CEIP da localidade xalleira é o premio final –sumado a moitos outros– ao esforzo e perseverancia nun modelo educativo baseado no seguimento da saúde dos seus alumnos e na implementación de diversas actividades que fomenten a actividade física. 

Ademais, moitos dos proxectos que se desenvolven no centro teñen unha finalidade benéfica, como as carreiras solidarias para recadar fondos organizadas durante este curso académico. 

Por outra banda, o o CEIP Barrié de la Maza é o colexio galego cun maior número de valoracións dentro do proxecto Plan Galicia Saudable coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.