PATRIMONIO

A Pobra inicia a escavación do xacemento local da Corte do Santo

Os investigadores creen que pode tratarse dun eremitorio da Idade Media

Xacemento da Corte do Santo, na Pobra do Caramiñal

Xacemento da Corte do Santo, na Pobra do Caramiñal / C. A Pobra

Despois da adquisición da casa da cadea, o Concello da Pobra dá un paso máis e comezará o luns, día 15, a escavación do xacemento da Corte do Santo, en coordinación coa Universidade de Santiago (USC), e baixo a dirección do investigador Mario Ramos Soriano, en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos. A hipótese dos investigadores é a existencia dun posible eremitorio que podería datar entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media, nunha das zonas máis altas da serra do Barbanza, á beira do río Pedras.

Os traballos serán financiados polo Concello da Pobra e cos fondos do Ministerio de Ciencia para o proxecto Ecoloc, dirixido polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo.

O alcalde, José Carlos Vidal, subliña a importancia desta acción “para toda a comarca”. De probarse a hipótese, engade, “estaríamos máis preto de demostrar a relevancia que tivo o río Pedras no plano espiritual durante a Idade Media. E uniríase ao de San Xoán da Misarela, polo que nos serviría de aliciente para seguir investigando ao longo de todo o curso do río”. As escavacacións, do 15 ao 19 de xullo, de 10.00 a 14.00 horas, poderán ser seguidas por todas as persoas interesadas, e o día 18 haberá unha visita guiada a partir das 18.00 horas.