AXUDAS

Turismo e Deputación da Coruña impulsan o proxecto do xeodestino Costa da Morte

O ente provincial aporta 95.520 euros para accións de xestión e promoción

Directivos da patronal de Costa da Morte con director de Turismo de Galicia

Directivos da patronal de Costa da Morte con director de Turismo de Galicia / APTCM

O xeodestino Costa da Morte segue dando pasos para posicionarse como un referente no mercado turístico, e para iso conta co apoio de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, que veñen de refrendar novas líñas de axuda ao sector.

Así, o ente provincial acordou a concesión dunha subvención de 95.520 euros a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), ente xestor do xeodestino, para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas no ano 2024. Dende a entidade que preside o alcalde de Zas, Manuel Muíño, aseguran que dita subvención equivale ao 80% sobre o total do orzamento de actividades e accións da CMAT para o actual exercicio e consideran “que é imprescindible para que esta poida seguir liderando a xestión e promoción turística da zona”.

No 2018, a CMAT deseñou un Plan de Acción para o Turismo que funciona como unha folla de ruta para impulsar o sector a través de cinco retos: ser un destino turístico recoñecido pola súa calidade; contar cun modelo de desenvolvemento sostible a nivel económico, ambiental e social; acadar un maior equilibrio dos fluxos turísticos a nivel territorial e ao longo do ano; contar cun tecido unido e coordinado, e consolidar a marca Costa da Morte a nivel rexional, nacional e internacional.

Entre os obxectivos fixados para este ano figuran a implantación do Sistema de Calidade turística en Destino (SICTED), que se iniciou en 2023, e darlle continuidade á mellora da competitividade no sector astroturístico con actividades e formacións sobre a mellora da iluminación e a redución da contaminación luminosa, tendo en conta que do 1 ao 4 de outubro, celebrarase en Cee o VII Encuentro Internacional Starlight. Asemade, continuarán coa promoción do destino e produtos turísticos prioritarios a través da rede e dos medios de comunicación, actualizarán a páxina web visitacostadamorte.com, e editarán un mapa turístico, todo elo apoiado por servizos de asistencia técnica e asesoría contable para garantir que a entidade cumpre cos requisitos necesarios para xestionar axudas e fiscalidade.

Pola súa banda, Turismo de Galicia, a través do seu director Xosé Merelles, reiterou o seu compromiso coa Costa da Morte nunha xuntanza mantida cos directivos da Asociación de Profesionais de Turismo (APTCM). O referido ente apoiará a tradución ao inglés e a dixitalización do libro-guía da Costa da Morte, obra de Xan Fernández Carrera.

Ademais seguirá apoiando a campaña gastronómica Meses con R, aposta segura, que o sector quere levar ás principais cidades con promocións, showcookings e publicidade. O presidente de APTCM, Pepe Formoso, asegura que “nós aportamos as ganas de tirar do carro, xunto cos outros entes públicos e privados implicados na atención aos viaxeiros”.