HISTORIA

Camelle e Arou recrean o naufraxio do ‘City of Agra’ no 127 aniversario

É o maior evento de Europa dedicado a un afundimento mariño

Recreación da arribada dos náufragos ao porto de Camelle nunha edición anterior

Recreación da arribada dos náufragos ao porto de Camelle nunha edición anterior / F. Patricio

As vilas mariñeiras de Camelle e Arou (Camariñas) acollen esta fin de semana, do 12 ao 14 de xullo, o meirande programa cultural dedicado a un naufraxio en Europa, no que se lembrará ás vítimas do mercante británico City of Agra, que se afundiu o 3 de febreiro de 1897 ao carón dos baixos de Conesudo, falecendo 33 dos 75 tripulantes.

Neste 127 aniversario, a A. C. Naufraxios Galegos, que preside o historiador Fernando Patricio Cortizo, veciños e visitantes embarcaranse nunha viaxe no tempo para recrear e divulgar un naufraxio “que deixou unha fonda pegada nestas vilas”, afirma Fernando Patricio. De feito, engade, “a campá da igrexa de Camelle é a do City of Agra”, e o propio naufraxio deu lugar á unha toponimia mariñeira na zona. Así, os baixos onde embarrancou o mercante “chámanse Olgas do Agra”.

Fachada engalanada para os actos do 'City of Agra' en Camelle

Fachada engalanada para os actos do 'City of Agra' / A. C. Naufraxios Galegos

Asemade, froito do labor de investigación da A. C. Naufraxios Galegos localizouse a fosa-cemiterio onde foron enterrados algúns dos 33 náufragos, ubicada na coñecida como Leira do Pacho. Este feito “é moi significativo, porque converte a Camariñas no único lugar do mundo non británico que conta con dous cemiterios dedicados a náufragos británicos”, afirma Patricio Cortizo. O outro é o coñecido Cemiterio dos Ingleses.

Unha parte da historia que deu pé a este acto, que chega á súa quinta edición, “e no que tratamos de recrear dun xeito realista como sucedeu todo”. Os actos comezarán o venres, ás 12.00 horas, coa apertura da Feira Mariñeira no porto de Camelle e co IV Concurso de Tapas con especias do City of Agra nos establecementos hostaleiros de Camelle e Arou. Pola tarde, ás 19.10 haberá unha visita guiada á Exposición dos Naufraxios e da historia marítima de Camelle, que se pode ver no Museo Man e que é “única tamén”, afirma Fernando Patricio. Despois, representarase a obra Salazóns Lucida, de A Folja da Faneca, e chegarán os concertos de Noi e Kreze, no porto.

Fernando Patricio, historiador e presidente da A. C. Naufraxios Galegos

Fernando Patricio, historiador e presidente da A. C. Naufraxios Galegos / Cedida

O sábado, día 13, ás 10.30 horas dará comezo o Roteiro animado dos náufragos do Agra, que partirá do Miradoiro de Lobeiras (Arou) e rematará no Campo do Santo, en Camelle. Durante o traxecto “faremos 14 paradas, 8 teatralizadas. Será unha xornada única, na que os participantes vestidos de época reviviremos non só a historia do City of Agra, senón tamén anécdotas de todos os naufraxios acontecidos nesta franxa litoral”, asegura Fernando Patricio.

Pola tarde, ás 18.00 horas representarase a obra Rebustadas, de Os Contos non Enchen e, despois, haberá unha foliada. A partir das 22.45 horas terá lugar a recreación da Arribada dos náufragos do City of Agra ao porto, complementada cun concerto ambiental a cargo de Kreze no Escenario Herores do Agra, fronte ao Museo de Man. A xornada rematará coa música de Adhara & Ritman.

O domingo, ás 12.30, terá lugar un pasarrúas de despedida e recrearase a recepción de autoridades aos náufragos do City of Agra. Farase a entrega de medallas polo vicecónsul británico aos patróns das tres embarcacións que os rescataron.

O acto complementarase cunha homenaxe aos náufragos da Costa da Morte a cargo dos nenos e nenas de Camelle, e despois, rememorarán o embarque no peirao, rumbo ao porto da Coruña.