Veciños na rúa e o BNG no Parlamento instan a Sanidade a cubrir as prazas de Pediatría en Outes

Numerosas persoas concentráronse "polo mantemento do persoal e os servizos" do centro médico outense

Participantes na concentración que tivo lugar ante o centro médico de Outes

Participantes na concentración que tivo lugar ante o centro médico de Outes / Cedida

A deputada do BNG Iria Carreira reclamou este xoves en sede parlamentaria á Consellería de Sanidade que restitúa a atención pediátrica e cubra o resto de prazas asignadas ao centro de saúde de Outes, "un exemplo das consecuencias da falta de planificación e dos quince anos de deterioro progresivo da sanidade pública polas políticas do PP, especialmente na Atención Primaria, que se ten convertido nun caixón de desastres acumulado no tempo”, sinalou.

“Hoxe en día é difícil atopar un centro de saúde en Galicia co seu cadro de persoal completo, porque alí onde non hai unha xubilación sen cubrir, hai baixas laborais que se intersubstitúen ou vacacións tamén sen cubrir”, asegurou, subliñando ademais "a carencia de pediatras que afecta a uns 200 concellos galegos".  

Iria Carreira levou á Comisión 2ª de Sanidade as inquedanzas das familias de Outes (concello duns 6.000 habitantes, dos que máis de 400 teñen menos de 14 anos) pola falta de atención pediátrica no seu centro de saúde, onde ata hai pouco traballaba unha pediatra de xeito compartido con Noia. "Porén, Sanidade vén de decidir concentrar a atención pediátrica de toda a comarca en Noia, a onde se terán que desprazar agora para recibir consulta os nenos e nenas con menos de tres anos de Outes. O de máis de tres anos pasan a ser atendidos polas facultativas de familia", sinalou Carreira.

Pola súa banda, numerosos veciños de Outes concentráronse o mércores diante do centro de saúde para protestar "polos recortes no persoal e nos servizos" en dita instalación. Participaron tamén varios membros do goberno local, co alcalde, Manuel González, á cabeza.

Foi unha veciña quen leu o manifesto no que se denunciaba que "o centro de saúde de Outes leva sufrindo carencias no servizo de Pediatría dende fai varios anos", que non se cubriron as baixas das profesionais que prestan este servizo e que, dende hai uns meses, reduxéronse as horas de atención nesa especialidade.

Os afectados explican que as familias teñen que desprazarse a Noia a partir das 12.00 horas. "Hai uns días soubemos que o Sergas decidiu mover á nosa pediatra para Noia, canto menos durante dous meses, debido ás baixas no servizo de Pediatría en Lousame e Porto do Son. Non nos parece xusto; cremos que o Sergas debe cubrir esas baixas e que non deben ser as familias de Outes as que paguen a falta de médicos noutros centros", sinalan. 

"Outra situación que vemos con grande preocupación é a substitución das vacantes por xubilación que se van producir antes de que remate o ano 2024. Son, nin máis nin menos, catro dos cinco médicos de familia que levan varios anos prestando os seus servizos en Outes os que se xubilan, e queremos que as súas vacantes sexan cubertas na súa totalidade. Polo momento, sabemos que o Sergas só se compromete a cubrir dúas desas vacantes con estudantes MIR de último ano. Parécenos que esta cobertura, tan só da metade das xubilacións previstas, é insuficiente e vai derivar en que a calidade asistencial se vexa resentida. Dámoslle a benvida aos novos profesionais, pero cremos que son insuficientes", engaden. 

Tras explicar que "somos conscientes de que existe unha carencia xeral de efectivos sanitarios que lle afecta a moitos outros concellos", os veciños concentrados ante o centro de saúde de Outes reclamáronlle á Xunta "administración competente na materia, que faga unha planificación adecuada que evite no futuro situacións como a actual. Para o centro de saúde de Outes e no inmediato solicitámoslle que manteña o servizo de Pediatría e que reforce con máis profesionais as vacantes por xubilación dos nos médicos de familia".