O PSOE critica a "situación límite" da atención primaria en Rianxo

Pola esquerda, Ana Pena, Bernardo Fernández e Óscar Rial

Pola esquerda, Ana Pena, Bernardo Fernández e Óscar Rial / Cedida

"Os veciños e as veciñas de Rianxo están a padecer graves deficiencias na atención médica debido á falta de persoal no centro de saúde do municipio", dixo a secretaria adxunta de Organización do PSdeG, Ana Pena, durante unha visita á localidade xunto ao secretario xeral provincial da Coruña, Bernardo Fernández, e o portavoz socialista no Concello, Óscar Rial.

Bernardo Fernández alertou de que a sanidade en xeral, e sobre todo a atención primaria, está “depauperada”, por exemplo, cunhas listas de espera “que se multiplican por tres respecto a décadas anteriores”. “Se preguntamos, non imos atopar ningún cidadán que diga que a sanidade galega está mellor que hai vinte anos”, afirmou o secretario provincial, que esixiu á Xunta que reverta as “políticas nefastas que conduciron á actual situación de crise asistencial". “A Xunta ten as competencias e ten que adoitar medidas. Estar de brazos cruzados botando a culpa a outros non é solución”, asegurou.

Ana Pena criticou que unha vila de 12.000 habitantes non pode ter cubertas só a metade das prazas do seu centro de saúde e lamentou que “situacións coma a de Rianxo esténdense por todo o territorio galego”. “Ter acceso a unha consulta, a unha revisión médica ou a atención pediátrica é unha prioridade e débense poñer en marcha medidas que solucionen este problema”, advertiu.

Pola súa parte, Óscar Rial insistiu en demandar un servizo de calidade que satisfaga a demanda que existe en Rianxo e reprochoulle ao Goberno galego que poña “parches de forma continua sen buscar solucións definitivas", en referencia á recente incorporación temporal dun facultativo e un MIR na súa última etapa de formación. Para o portavoz socialista no Concello é imprescindible cubrir o servizo de tarde no ambulatorio e reducir as listas de espera cando menos ata o obxectivo de 48 horas que vén propoñendo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Segundo os socialistas, "dos oito médicos cos que deberían contar as instalación sanitarias, durante meses unicamente viñan traballando catro, xa que a dúas baixas sen substituír se unen dúas prazas que carecen de titular". "A situación tamén é crítica no Punto de Atención Continuada, xa que carece de facultativos. Deben desprazarse dende outros municipios para garantir a asistencia dos pacientes no PAC", engaden.

Para o PSdeG non é a única carencia no tocante a recursos humanos, "xa que só hai un pediatra para atender a toda a poboación infantil do concello. Hai máis dun ano que o Grupo Parlamentario Socialista presentara unha batería de iniciativas para instar á Xunta a garantir o servizo de Pediatría mediante a contratación de persoal, dado que a única doutora asumía unha carga asistencial excesiva, con xornadas de ata 40 consultas. A día de hoxe a situación non mellorou".

Tras explicar que "polas tardes non hai consultas ordinarias", Bernardo Fernández dixo que "unicamente se atenden urxencias, e o PAC inicia o seu servizo ás 22.00 horas, pese a que o Partido Socialista vén demandando dende hai dous anos que a apertura se adiante ás 15.00. Trátase dunha reivindicación que asinaron 4.000 veciños e veciñas. Esa circunstancia é especialmente preocupante se se ten en conta que o centro de saúde de Rianxo se atopa a 40 minutos do hospital máis próximo".

A falta de axilidade nas citas é outra das consecuencias da "presión asistencial" produto do "déficit de recursos humanos", segundo dita formación. "O retraso na atención está a superar, nalgúns casos, os quince días. Tamén se fai notar nas urxencias, que se están a incrementar significativamente, xa que en determinadas situacións a veciñanza non pode agardar esas dúas semanas", sinalan.