SECTOR FORESTAL
Os montes de Baroña e Froxán, referentes para Galicia e Asturias
O seu aproveitamento multifuncional esperta o interese dos membros de comunidades veciñais

Asistentes á reunión da Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais / Cedida
As Comunidades de Montes Veciñais en Mancomún (CMVMC) de Baroña (Porto do Son) e Froxán (Lousame) exerceron de anfitrioas na primeira reunión da Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais e convertéronse en referentes para preto de medio cento de propietarios de montes de Galicia e Asturias polos seus modelos de “aproveitamento multifuncional”.

Participantes no encontro celebrado en Porto do Son e Lousame / Cedida
O encontro, programado no marco do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), arrancou a primeira hora do sábado cunha reunión na Casa Forestal de Baroña, na que o director da Fundación Montescola, Joam Evans, foi o encargado de explicar os obxectivos desta iniciativa: intercambiar experiencias e fomentar a aprendizaxe conxunta en ámbitos como a conservación da biodiversidade, a prevención de incendios e a adaptación ao cambio climático. Despois, os participantes visitaron a contorna dos muíños e a capela de San Tomé, nos montes de Baroña e, xa pola tarde, desprazáronse ata a zona piloto de actuación nos montes de Froxán.
O presidente da CMVMC de Baroña, Ovidio Queiruga, explicou o modelo de “aproveitamento multifuncional” do monte desta comunidade, que trascende a explotación forestal da madeira e conxuga o aproveitamento doutros recursos como o gando (cabalos, vacas, cabras e ovellas), a resina dos piñeiros, os froitos do bosque, a micoloxía, os usos turísticos e socioculturais, a enerxía eólica ou a xestión da auga, entre outros.

No encontro participaron propietarios de montes de Galicia e Asturias / Cedida
Ovidio Queiruga avogou “polo aproveitamento complementario de todos os recursos que ofrecen os montes, porque de forma individual non hai ningún que dea cartos suficientes para poder subsistir unha comunidade de montes”.
No transcurso do encontro, as comunidades participantes tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias, avanzar na aprendizaxe mutua e debater sobre os problemas e desafíos comúns, coa finalidade de poder deseñar solucións e proxectos conxuntos.

Encontro de comunidades de montes celebrado en Baroña e Froxán / Cedida
Esta foi a primeira visita das cinco saídas de campo que se programarán ao abeiro do proxecto CAPRIF-CC, que se desenvolverá ata finais de 2025 en Galicia e Asturias e que pretende amosar como é posible transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas e poñendo en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte.
Financiación europea
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- La infracción de tráfico más repetida en Santiago deja más de 600 denuncias en solo un año
- El primer parking subterráneo público de Ames, de pago, listo en O Milladoiro
- El delegado del Gobierno sobre la transferencia de la AP-9 a Galicia: 'Creo que seremos capaces de llegar a un acuerdo
- «É unha máis da familia»: el quinto verano de Mariam en Ames
