Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

“Unha taxa non vai espantar os turistas e sería de moita axuda para o Concello”

A nacionalista María Lago xestiona un municipio que duplica a súa poboación cando chega o verán, o que obriga ao Concello a facer un "esforzo" económico para prestar o mellor servizo posible a veciños e visitantes

María Lago, alcaldesa de Muros: “Unha taxa non vai espantar os turistas e sería de moita axuda para o Concello”

Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Tras un ano "vertixinoso", a rexedora muradá amósase satisfeita por ter afrontado con éxito situacións inesperadas como a crise dos péletse outras que coñecía de antemán como o descontrol que existía co persoal municipal.

Muros é un concello de crecente proxección turística. Santiago, e máis recentemente O Grove, defenden a implantación dunha taxa turística que axude a pagar os gastos que xera a afluencia de visitantes. Que opina da proposta?

Comparto a idea. O gasto a maiores que asumimos e o financiamento que nos esixe o aumento da poboación na temporada estival supón un esforzo moi importante para o Concello. Se ofrecemos un turismo de calidade, tendo a contorna que temos, non creo que unha taxa turística, que nunca é dunha contía económica demasiado elevada, vaia ser o que espante ao turista e sería de axuda para o Concello. É máis, se espanta a un turista que vaia buscando o turismo barato, non sería un gran problema. Un turismo de calidade acepta unha taxa sempre e cando vaia da man duns servizos adecuados ao que se paga.

A alcaldesa de Muros, María Lago, na redacción de EL CORREO GALLEGO

A alcaldesa de Muros, María Lago, na redacción de EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

Entón, se a Xunta permite que esa taxa turística saia adiante, vaina propoñer para Muros?

Absolutamente, si. De feito, xa hai comunidades eminentemente turísticas que fan cobros a turistas con total normalidade.

É algo xa falado cos seus socios de goberno do PSdeG?

Aínda non se puxo enriba da mesa porque a Xunta non deu todos os pasos necesarios e non podo falar por boca do meu socio de Goberno, pero creo que non habería grandes problemas, posto que incluso o defenden noutras vilas ou cidades.

En todo caso, en que medida aumenta a poboación de Muros cando chega o verán?

Tranquilamente duplicamos a poboación na temporada estival. Cada vez estendemos un pouco máis a nosa temporada de verán e temos máis xente en setembro, pero o forte está en xullo e agosto.

“Perdemos gran parte da nosa frota pesqueira, pero somos un dos principais productores de mexillón de Galicia”

E está cuantificado canto gasta a maiores o Concello para afrontar as necesidades que supón ter o dobre de poboación no verán?

Non che podería dar as cifras, pero nas brigadas de obras, servizos e limpeza temos que contratar 15 persoas a maiores das 6 que temos sempre en activo para poder asumir a limpeza viaria e de praias, o mantemento dos parques e xardíns e darlle soporte a axenda cultural do verán –porque hai eventos todas as fins de semana–... Precisamos toda esa xente e aínda nos quedamos curtos.

E nestes momentos, que sector ten máis peso económico: o turístico ou o pesqueiro e marisqueiro?

É innegable que agora mesmo o sector hostaleiro é un dos motores económicos de Muros. Eu creo que probablemente están á par, máis que nada polo sector marisqueiro, porque o sector pesqueiro levou uns reveses importantes nos últimos anos. As políticas europeas non se portaron ben coa nosa vila e perdemos gran parte da nosa frota. O sector marisqueiro si que segue a ter moita forza e, de feito, somos un dos principais produtores de mexillón de toda Galicia, que é algo que normalmente non se di. Tamén temos bivalvo de excelente calidade.

A alcaldesa de Muros, María Lago, na terraza da redacción de EL CORREO GALLEGO

A alcaldesa de Muros, María Lago, na terraza da redacción de EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

Ameixas e berberechos que non foron arriba este ano. Está sendo unha campaña durísima na ría...

Así é. O sector marisqueiro insiste en que foi un ano pésimo e está traballando por recuperar o estado da ría. E nós temos liña directa coa confraría para avisar de calquera problema que poida haber. Preocupa, porque da ría comemos todos.

Chegan ao verán cos presupostos aprobados. Que destaca deles?

Sobre todo, son unhas contas actualizadas, que era o que máis precisabamos. Viñamos duns orzamentos prorrogados do ano 21, que xa no seu momento foran informados desfavorablemente polos técnicos do Concello. Pasamos por un proceso de estabilización laboral moi importante cun gran número de traballadores que eran eventuais e que pasaron a ser fixos e, evidentemente, hai que asumir ese custo. E con estes novos orzamentos recuperamos a estabilidade financeira. E máis que en grandes obras, investirase en manter o que xa temos, que é o que máis nos demanda a poboación.

Niso e en pagar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é indispensable, pero que consome moitos recursos municipais...

Así é. Contémplase o aumento de horas do SAF que anuncia a Xunta pero que pagan os concellos. Entre material e persoal investimos neste servizo preto dun millón de euros dos 9,5 millóns que temos de orzamento. Onoso SAF é propio e temos traballando unhas 25 persoas, unha cifra que vai en aumento porque cada vez hai máis persoas dependentes e temos que investir máis recursos neste servizo.

A nacionalista María Lago, na súa visita ás instalacións de EL CORREO GALLEGO

A nacionalista María Lago, na súa visita ás instalacións de EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

Que destacaría deste ano á fronte da Alcaldía muradá?

Foi un ano vertixinoso, no que tivemos que afrontar situacións coas que non contabamos, como a crise dos pélets, que, dígoo sen falsa modestia, creo que asumimos de maneira sobresaínte. Outro aspecto importante ten que ver co persoal. Estamos en condicións de aprobar una Relación de Postos de Traballo, que é algo que Muros nunca tivo.

Gobernan en coalición co PSdeG de Caridad González, que no seu día foi alcaldesa. Dada a escasa diferenza de votos entre socialistas e nacionalistas, propuxeron nalgún momento ocupar a Alcaldía no treito final do mandato?

En ningún momento se falou diso. Que a Alcaldía ía estar os catro anos en mans do BNG era algo incuestionable.

A relación é boa?

Si, é boa. Hai un respecto polas áreas de cada un. Se pactamos foi para que houbera estabilidade, que era o que pedía a veciñanza cos seus votos. E deixamos atrás vellas liortas para desbloquear o Concello.

E terá vacacións a alcaldesa?

A ver se podo coller as do ano pasado (risas).

Tracking Pixel Contents