Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nenos e nenas de Ames exploran o medio ambiente nos campamentos Aula da Natureza

Participaron en diferentes obradoiros e saídas pola contorna rural do concello

Participantes do campamento Aula da Natureza na actividade Cinco Continentes

Participantes do campamento Aula da Natureza na actividade Cinco Continentes / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Máis de medio cento de rapaces e rapazas do Concello de Ames participaron nas últimas semanas nos campamentos urbanos de verán da Aula da Natureza, nos cales puideron desfrutar de diferentes actividades relacionadas co medio ambiente e a interacción co seu entorno.

Pensados para idades comprendidas entre os 6 os 16 anos, estes campamentos leváronse a cabo nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar da Ameixenda, en dúas quendas diferentes: a primeira, do 1 ao 12 de xullo; e a segunda, do 14 ao 26 do mesmo mes.

Alí puideron desfrutar dun completo programa de actividades que mesturaban os contidos lúdicos co achegamento e o coñecemento do medio natural e rural. A cargo dos participantes estiveron catro monitores de tempo libre formados nos cursos ofertados pola concellería de Mocidade de Ames.

Entre as actividades levadas a cabo nos once días que durou cada campamento destacan: un obradoiro de tintas naturais, no que realizaron debuxos de acuarela con tintes extraídos de diferentes vexetais; a elaboración de reloxos de area a partir de botellas de plástico; un obradoiro de follas de macramé ou a construcción dun refuxio a partir de materiais recollidos no monte.

Así mesmo, organizáronse varias excursións, tanto por entornos locais como máis lonxanos, xa que mesmo se desprazaron ata a praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal, para coñecer de primeira man a vida mariñeira e os seus costumes. As saídas pola contorna incluíron unha visita á praia fluvial de Tapia e unha andaina pola Ruta dos Cabaliños do Demo.

Como novidade da programación deste ano destaca a actividade dos Cinco Continentes, na que se dividiu aos rapaces e rapazas participantes en cinco grupos, un por cada continente. Deste xeito, cada un deles debía recabar información sobre cada continente e presentala en público días despois, atendendo a aspectos coma vestimentas representativas, danzas, cancións e comidas típicas.

Para facilitar a asistencia dos cativos ofreceuse un servizo de autobús tanto dende O Milladoiro como dende Bertamiráns -os dous principais núcleos de población do concello- que cubrían o horario dos campamentos: de 11:00 a 17:30 horas.

Dende o concello destacaron que estas actividades ofrecen aos nenos “unha alternativa para desfrutar das vacacións de verán a través de campamentos na natureza”.

Tracking Pixel Contents