Ames ultima a cesión para alugueiro social de 68 vivendas baleiras propiedade dun banco
Xa se adxudicaron 19 vivendas aos seus beneficiarios, 23 están na fase final do proceso e 12 máis en trámite

Bloques de vivendas na Avenida da Maía en Bertamiráns / Cedida
Como un dos concellos da área de Compostela con maior e máis veloz crecemento poboacional, Ames non é un municipio alleo aos problemas de vivenda. A subida dos prezos do alugueiro e dos bens inmobles dificulta que moitas persoas poidan acceder con facilidade a un espazo onde vivir na área metropolitana da capital galega. Esta tensión alíviase en certa medida co novo convenio firmado polo Concello de Ames cunha entidade bancaria para a cesión de 68 vivendas baleiras para diferentes acordos de alugueiro social.
De todos estes inmobles, 54 están xa dispoñibles para seren empregados de inmediato. Na actualidade, informaron dende o Goberno municipal, 19 destas vivendas foron xa adxudicadas aos beneficiarios deste programa, que responde ao acordo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para mobilizar e poñer a disposición dos veciños vivendas baleiras. Ademais, outros 23 inmobles están xa na fase final do proceso de adxudicación. Das xa dispoñibles, as doce restantes están “pendentes da corrección de concordancias no catastro”, indicaron.
Requisitos económicos
Os requisitos para o acceso a esta oferta de alugueiro social son de carácter económico: contar cuns ingresos comprendidos entre o 0,7 e o 2,5 do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), fixado nuns 600 euros mensuais neste 2024. Deste xeito, poderán optar a estas vivendas unidades familiares que perciban o equivalente a entre 420 e 1.500 euros ao mes por membro.
Así mesmo, terán prioridade na adxudicación destes domicilios aquelas persoas pertencentes a colectivos vulnerables, como as vítimas de execucións hipotecarias ou violencia de xénero, afectados por desaloxos por impagos de renda, familias numerosas, monoparentais ou con membros con diversidade funcional. Dende o Concello tamén recalcan que o tipo de inmobles concedidos adaptarase aos requerimentos dos beneficiarios, de xeito que se primará o acceso a baixos e primeiros pisos de persoas con problemas de mobilidade ou de familias con moitos membros aos inmobles con máis habitacións.
Entre 207 e 285 euros
A renda de alugueiro a cubrir por parte dos beneficiarios da adxudicacións dos alugueiros destas vivendas será de entre 207 e 285 euros ao mes, recollida nun contrato dun ano con prórroga obrigatoria ata un máximo de sete. Disporase tamén de dúas pólizas de seguros financiadas polo IGVS para ofrecer garantías en materia de impagos, defensa xurídica e responsabilidade civil. A empresa propietaria recibe como beneficio por esta cesión unha bonificación do 50% na taxa do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) aplicada sobre as propiedades alugadas.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “a vivenda é un punto clave do mandato” a nivel local e apuntou que, ademais deste convenio, a corporación local traballa na creación “de máis de 200 vivendas de protección pública no Milladoiro” e trata de incentivar a promoción privada no resto do municipio. Pola súa parte, Uxía García, concelleira de Benestar Social, salientou que esta cesión de vivendas baleiras permite “dar resposta” a aqueles veciños con menos recursos que “piden axuda para acceder a unha vivenda digna”. “Este tipo de políticas devólvenlle a dignidade ás persoas”, salientou a membro do Goberno local.
Suscríbete para seguir leyendo
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- El héroe del último ascenso de la SD Compostela 'ficha' por el Deportivo
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
