Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Invasión de acampadas ilegais no litoral da ría de Arousa

Ecoloxistas en Acción denuncia a destrución do bosque húmido de ribeira na praia do Porrón, en Rianxo, invadido por furgonetas. Dende o Concello de Rianxo expoñen que non consta, neste momento, información algunha acerca destas acampadas

Javier Ramos

Javier Ramos

Ecoloxistas en Acción denuncia que este verán se está producindo unha proliferación sen precedentes das acampadas ilegais nos espazos naturais costeiros na Ría de Arousa. Algúns dos lugares máis senlleiros deste litoral, como o bosque palustre do Porrón, en Rianxo, convertíronse nas últimas semanas en zonas incontroladas de autocaravanas e furgonetas, "nas que usuarios incívicos veñen cortando árbores e vexetación de ribeira para colocar as súas instalacións ilegais e deixando un rastro de lixo e feces. Non se trata de viaxeiros de paso ou acampadas xuvenís de fin de semana, senon de veraneantes totalmente equipados para unha longa estancia que están sendo totalmente irrespetuosos co medio natural”, destaca o voceiro da organización ecoloxista.

A organización ecoloxista lembra que a acampada e o estacionamento prolongado de vehículos camperizados é totalmente ilegal en espazos do Dominio Público Marítimo-Terrestre, o que xa motivou unha primeira denuncia ante a Demarcación de Costas do Estado en Galicia. Non obstante, Ecoloxistas en Acción lamentan a falta de control, ausencia de sancións e mesmo a negativa das Administracións para tomar medidas para a protección destes espazos litorais, como pode ser a instalación de sinais ou obstáculos que impidan o acceso de vehículos.

Entre as prácticas incívicas documentouse a corta de arboredo, a instalación de toldos e lonas, a realización de fogueiras e uso de cociñas de gas (con risco de incendio), ademais de convertir espazos relictos en letrinas e vertedeiros de residuos, causando unha degradación de hábitats prioritarios, mesmo en zonas situadas en Rede Natura 2000. Por iso, anuncian que comezarán a interpor denuncias individuais contra os infractores ao considerar que a escala dos danos pode supor a comisión de delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais.

O voceiro de Ecoloxistas en Acción no Barbanza, Anxo Vela, denuncia que esta zona da ría de Arousa ten experimentado un “desembarco total e absoluto” de campistas irregulares nas últimas semanas, despois dun mes de xullo no que foron chegando “con contagotas”.

Con todo, a área da praia do Porrón está este martes despexada e non se atopan nin furgonetas nin tendas de campaña na contorna. Vela prognostica que regresarán na fin de semana e explica que este fenómeno ocorre “xa de fai tres anos para acá, cada vez con máis intensidade”. Moitos destes viaxeiros organízanse a través de aplicacións coma Park4Night, onde comparten consellos sobre rutas ou lugares para pasar a noite. O representante de Ecoloxistas en Acción que persoas procedentes de Francia ou outros países europeos acaben dando con paraxes bastante agochados dentro da propia costa galega.

Dende o Concello de Rianxo expoñen que non consta, neste momento, información algunha acerca destas acampadas de varios días ou de posibles altercados. En calquera caso, recordan que se trata dunha actividade “prohibida legalmente” e que se tomarían as medidas oportunas de rexistrarse estas infraccións.

A zona cero dos macrocampings ilegais

Na pasada fin de semana, primeira do mes de agosto, Ecoloxistas en Acción constatou como unha decena de vehículos convertiron un bosque palustre ao carón da praia do Porrón (Rianxo) nun verdadeiro macrocamping con toldos, mobiliario e máis de 12 puntos estrados de excrementos. Destacan ademais este caso por tratarse dun espazo situado a escasos metros dun estacionamento temporal habilitado polo concello e a menos de 1 km dun camping que inclúe servizos para autocaravanas.

Para a organización ecoloxistas, estas prácticas de turismo incívico non só causan un grande dano nestes espazos naturais, senon que non achegan nada ás economías locais creando un problema de imaxe para este tipo de destinos e de salubridade para as demais persoas usuarias e veciñanza. Por iso, esixe un compromiso de todas as Administración para tomar de xeito urxente medidas destinadas a por fin a este tipo de ilegalidades.

Tracking Pixel Contents