"Aquí aprendes a facer de todo": un día dentro da Panorama
A agrupación actuou este luns no Milladoiro ante máis de 7.000 persoas como parte da programación das Festas da Madalena, reafirmando unha vez máis o seu gran éxito

As cantantes e bailarinas da Panorama preparándose para saír ao escenario / Alina Rodríguez
Galicia é a terra das verbenas por excelencia, cunha maneira única de entender e gozar a festa que vai máis aló da propia música. Un modelo festeiro que, pouco a pouco, se foi exportando ao resto de España nos últimos anos grazas a orquestras como Panorama. Con trinta e seis anos sobre os escenarios, a Panorama é un referente do espectáculo dentro do mundo das festas populares e xa non só iso, senón que axudaron a crear un fenómeno fan coas orquestras nunca antes visto.
Nestes últimos anos, a agrupación foi engadindo máis datas fóra da Comunidade galega e cada vez resulta máis complicado poder desfrutar na nosa terra deste espectáculo no que o ritmo non para nin un segundo. Este luns tivemos a sorte de gozar dunha das súas actuacións na localidade amesá de Milladoiro, un espectáculo que formou parte da programación das Festas da Madalena, que viviron onte a súa última xornada de celebración. Este xornal tivo a sorte de poder descubrir como son os momentos previos de cada exhibición e todos os segredos e claves que agochan os integrantes da Panorama para conseguir cheos absolutos en cada concerto que ofrecen.
O escenario sobre o que actúan as estrelas da orquestra cada noite é montado só por oito persoas, ademais de tres técnicos máis que contribúen a que todo vaia ben durante o desenvolvemento do espectáculo. Completar todo o traballo de montaxe leva arredor de catro horas.
Con todo, a voz principal da Panorama e unha das figuras máis lonxevas da verbena galega, Lito Garrido, tamén colabora neste labor, concretamente na instalación dunha pantalla que “é moi delicada” e que lle gusta montar a el “para asegurarse de que todo saia ben”, confesa.

Lito Garrido realizando labores de montaxe horas antes da actuación / Alina Rodríguez
Lito é o encargado e escoller a lista de cancións que tocarán durante toda a xira. Asegura que a clave do éxito para triunfar neste mundo da festa é precisamente o repertorio, un traballo que non é fácil pois “tes que pensalo moito, non pode parar o ritmo e agora realizamos moita mestura de cancións”. De feito, no espectáculo do ano pasado, a orquestra cantaba fragmentos de máis de 170 cancións nas tres horas que dura o espectáculo.
Para que todo saia perfecto, hai moitos meses de ensaios previos, concretamente dous meses antes de ensaio como rutina entre todos os integrantes da orquestra. Con todo, Lito comeza a seleccionar o repertorio un mes antes e, no caso do elenco de baile, unha parte fundamental do espectáculo da Panorama, comeza coas coreografías desde finais de xaneiro, cando xa están escollidas as cancións e están un mes de xeito intensivo –12 horas– coa súa coreógrafa para despois traballar co resto do equipo.
Diego Moreira, un dos cantantes e bailaríns da orquestra, é o encargado do vestiario, unha tarefa que non é nada sinxela, “Colles moitas referencias e tes que organizar e cronometrar os cambios de roupa para que a xente teña tempo para cambiarse”. Para axilizar este proceso, realizan “trucos” como levar segundas prendas por debaixo, algo que cando saen actúar en sitios con altas temperaturas, etiquetan todos os integrantes de “insoportable”.

O camerino e vestiario da orquestra Panorama / Alina Rodríguez
A Panorama ten datas de actuación practicamente todos os días de verán, un ritmo moi complicado de aguantar se non se está preparado a nivel físico e mental. As tres claves para aguantar isto, segundo Diego Moreira, son: ter unha boa condición física, boa alimentación e descansar ben. “Teste que coidar moito”, admite. Un feito no que concordan as súas compañeiras Tania Zapata, bailarina, e Fátima Pego, cantante e bailarina da orquestra, que aproveitan a temporada de inverno para traballar a súa forma física. Pola súa banda, Zapata confesa que combina formación de baile con adestramento no ximnasio. Unha preparación física que tamén realiza Pego aínda que “unha vez que comezas a temporada sintes que che falta o aire”, admite entre risas.
Máis aló do musical
Entre charla e charla cos integrantes da agrupación, os responsables de montaxe foron completando e comprobando cada detalle do escenario. Algúns dos membros do equipo técnico aproveitan para cear entre cables e luces mentres o elenco de artistas se prepara nos camerinos da parte de atrás do palco. Con todo, atopamos a Moreira nunha perruquería improvisada na esquina dereita do escenario, algo moi habitual nun traballo no que ao estar tanto tempo fóra da casa “aprendes a facer de todo”, confesan outros compañeiros.

Diego Moreira, cantante e bailarín da orquestra, cortando o pelo horas antes de actuar / Alina Rodríguez
Unha ‘multitarefa’ que poden asegurar ben as bailarinas e cantantes da Panorama, pois son elas mesmas as que preparan unhas maquillaxes e peiteados propios de profesionais do sector. Tanto Zapata como Pego admiten que cando comezaron no mundo da orquestra non sabían maquillarse nin peitearse ben pero, co tempo “vas aprendendo e sabendo os teus trucos”, admiten entre risas xunto co resto das súas compañeiras. Ademais de realizar o traballo de perruquería e maquillaxe, todo o equipo artístico da orquestra se encarga de lavar o seu vestiario. “Só contamos cunha modista que nos produce as prendas e fai algún arranxo no caso de que sexa necesario, pero facemos todo nós”, confesan.
Habituados xa a actuar fóra da casa, onde cada vez gozan de máis prestixio, o deste luns foi case un agasallo único para poder desfrutar dun show que é froito de moitos meses de duro esforzo e traballo en equipo. Un equipo que xa é como unha pequena gran familia á que aínda lle queda moito percorrido e éxito por diante, a pesar dos rumores que aseguraban o contrario.

Un dos membros do equipo técnico da agrupación ceando momentos antes do comezo da actuación / Alina Rodríguez
Suscríbete para seguir leyendo
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Val do Dubra despide a la exconcejala Celsa Oreiro tras su fallecimiento y decreta dos días de luto
- Del sobrino de Pondal a una tía de Rajoy: el CSIC recupera la ciencia gallega depurada por el franquismo
- El primer parking subterráneo público de Ames, de pago, listo en O Milladoiro
- Netflix busca en Galicia figurantes para rodar el final de ‘Clanes’ cerca de Santiago: esta es la profesión muy arraigada que piden
- PP y Espazo Común critican la falta de transparencia en la apertura del aparcamiento municipal de pago en Milladoiro
- Cuando Galicia estuvo en el epicentro del debate nuclear: medio siglo de la autorización para una central en la costa de Lugo que nunca llegó a levantarse
