Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os grupos de desenvolvemento rural disporán de 17 millóns de euros para funcionar ata 2027

Ata 24 entidades encargaranse de xestionar diferentes proyectos por toda a xeografía galega nestes anos

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante o acto de sinatura dos convenios

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante o acto de sinatura dos convenios / Cedida

O Pazo de Sergude, en Boqueixón, acolleu onte o acto de sinatura dos convenios que sufragan os gastos de funcionamento dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) operativos en Galicia ata o ano 2027. Ata esa data, o goberno galego destinará máis de 17 millóns de euros a esta fin, un montante que tamén inclúe as actuacións para a animación destes grupos e os seus proxectos de cooperación e formación.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu este acto de sinatura, no cal tomaron parte representantes destes grupos, supramunicipais e intercomarcais, procedentes de toda Galicia. A constitución destas entidades, sen ánimo de lucro, enmárcase dentro do programa Leader para o reparto de fondos europeos, que obriga a que unha parte deles sexan xestionados por actores locais, os cales se encargan da posta en marcha das estratexias, tomas de decisións e asignacións de recursos correspondentes. Na actualidade, existen máis de 2.800 grupos de Acción Rural deste estilo repartidos por toda a Unión Europea.

Só na contorna da capital galega, existen diferentes GDR coma o de Terras de Compostela, o da área Ulla Tambre Mandeo, o de Pontevedra Norte (que agrupa concellos da área do Deza e fronteirizos ca provincia da Coruña) ou o da Comarca de Ordes. Cada un deles desenvolve no territorio baixo a súa responsabilidade diferentes actuacións, vencelladas en moitas ocasións a promoción dos servizos públicos, o benestar dos veciños, o coidado do medio ambiente ou o fomento das iniciativas empresariais. Por exemplo, o grupo Ulla Tambre Mandeo prevé dedicar boa parte dos 2,5 millóns de orzamento que terá a actividades relacionadas ca mocidade entre 12 e 25 anos.

De acordo co exposto pola Xunta, o principio fundamental deste programa Leader é que as melloras realizadas vaian de “abaixo cara arriba” e involucren directamente ás persoas afectadas polas actuacións que estes fondos permiten. De igual xeito, dende a administración autonómica salientaron que o orzamento total destes programas ascende aos 56,9 millóns de euros, posto que existe unha partida adicional de 39,3 millóns destinada a desenvolvemento das operacións a terceiros.

Esta é a primeira vez que se asina o convenio para sufragar os gastos dos GDR ao abeiro do novo plan estratéxico da nova convocatoria da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027. Ao longo de anteriores edicións do programa Leader téñense aprobado ata 1.495 proxectos diferentes, os cales permitiron a creación de 933 novos postos de traballo a consolidación doutros 3.256.

Durante o acto de sinatura, a conselleira do Medio Rural quixo destacar a “labor fundamental” dos GDR polo moito que contribúen a dinamizar e a fomentar o emprego no medio rural, no que son -asegurou- “axentes claves”. Así mesmo, valorou a súa aportación ao sector primario e a outros axentes de progreso do medio rural coma os servizos sociais, o turismo, o comercio ou o medio ambiente. Todo isto, recalcou Gómez, partindo dunha “dinámica de traballo participativa” e na que se teñen en conta “as opinións da cidadanía”.

Da mesma forma, incidiu en que axudan a conseguir a perseguida “remuda xeracional” no agro e no rural galegos, un eido no que a propia Xunta está a traballar coa elaboración dun plan específico “amplo e cunha perspectiva transversal”, que se baseará na formación, na sensibilización e en favorecer a incorporación a estes postos.

Tracking Pixel Contents