Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Noia Harp Fest amplía a súa proxección social grazas á unión de arpistas e público

A dirección do festival salienta “o agarimo e a implicación” coa que a veciñanza acolleu o evento, e valora como exitosa a súa celebración

Unha das actuacións da Foliada de Benvida do Noia Harp Fest

Unha das actuacións da Foliada de Benvida do Noia Harp Fest / Jerry Elefarte

Noia

O Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular no que a arpa é a absoluta protagonista, bota o pano e deixa para a memoria dos máis de 2.000 asistentes tres intensas xornadas ateigadas de músicas do mundo, das que o público puido gozar, de balde, en seis recintos emblemáticos da vila de Noia.

A dirección do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, fixo balance da undécima edición do evento, que Rodrigo Romaní, Bea Martínez e Alba Barreiro cualifican como “exitosa”. Dela salientan a boa acollida por parte da veciñanza de Noia, mais tamén a convivencia entre público -tamén chegado do estranxeiro- e arpistas, como as figuras que conformaron o cartel deste 2024: Momi Magia, Camille Levecque, Rachel Hair e Ron Jappy, Nadia Birkenstock, Solomiia Savchuk e o trío Descofar

Nesta edición o festival ampliou a súa proxección social grazas á unión entre artistas e asistentes; un feito posible grazas á consolidación do terceiro Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, con estudantes procedentes de cinco centros de diferentes localidades, e da Foliada de Benvida. “Propostas como o encontro do alumnado de arpa favorecen que, alén de compartir unha experiencia escénica singular, aumente a interacción entre instrumentistas dun mesmo territorio e, á vez, co seu propio público”, expón Alba Barreiro, quen lembra que as nenas e nenos que participaron na inauguración do festival tamén tiveron ocasión de coñecer a cultura marítima de Noia grazas a unha actividade náutica.

Ademais, outro dos eventos nos que se visibilizou o incremento da participación cidadá foi a Foliada de Benvida. “Ao ser por primeira vez na rúa, deuse un fermoso intercambio entre artistas locais, arpistas do cartel e veciñanza”, afirma Barreiro. Ao fío, Bea Martínez destaca que o festival “cada ano recibe máis mensaxes de xente que vén de fóra”. “Este ano contamos con público procedente de Francia que veu pasar a semana a Noia para descubrir, alén do cartel, o noso patrimonio cultural”, sinala Martínez, quen asevera que a resposta que recibiu a organización por parte das e dos asistentes nos diferentes recintos “foi moi positiva”. 

“Un ano máis, e xa van once, Noia acolleu con moito cariño a celebración do festival, un evento no que a colaboración e implicación veciñal é clave para poder cumprir co seu obxectivo fundamental, como é achegar, desde a proximidade, o mundo da arpa á cidadanía”, sentencia Rodrigo Romaní, quen agradece o compromiso das institucións “que fan posible que desde hai máis dunha década Noia sexa a capital da arpa”, como é o caso do Concello de Noia, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de diferentes entidades colaboradoras.

Por outra banda, a dirección do Noia Harp Fest lembra que mantén aberta a convocatoria do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A obra gañadora do certame recibirá 2.500€ e a súa estrea terá lugar no 2025, na seguinte edición do evento.

Portus Apostoli, certame que conta coa colaboración do Concello de Noia, é unha proposta innovadora que pretende promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. A convocatoria está aberta até o 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos.

Tracking Pixel Contents