Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | José Ramón Romero Alcalde de Boiro

“Temos proxectada unha bolsa de 1.000 vivendas en primeira liña de praia”

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, na redacción de EL CORREO GALLEGO / alina rodríguez valdés

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, na redacción de EL CORREO GALLEGO / alina rodríguez valdés

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Tras un primeiro mandato con "pouco peso político" e "moito desgaste", o rexedor socialista afronta con comodidade unha segunda lexislatura na que quere seguir apoiando o comercio, as empresas e as entidades deportivas, culturais e sociais da localidade. Entre os retos que se marca está lograr que o censo reflicta a poboación real do municipio.

Boiro é un deses concellos que multiplica a súa poboación no verán, pero a sensación é que mantén o dinamismo todo o ano...

Efectivamente, para nós é moi positivo que Boiro sexa unha localidade turística e moi dinámica. E temos avanzado moitísimo. Nos últimos anos incrementamos un 30% as axudas directas ás entidades deportivas, culturais e sociais. E intentamos apoiar sempre o sector comercial e hostaleiro. Volvemos ser o polo comercial do Barbanza, tanto polo número de comercios como pola súa calidade. Recuperamos o centro de formación e viveiro de empresas que estaba parado, e xa é un referente a nivel comarcal, e seguimos traballando para a ampliación do polígono industrial de Boiro, ao que lle queremos dar un enfoque comarcal.

"No Barbanza non hai terreo empresarial pola falta de planificación e a desidia dos gobernos anteriores e da Xunta"

Non se entende que non haxa solo empresarial nunha zona tan puxante como o Barbanza...

Así é. Neste momento, non hai nin un metro cadrado de terreo empresarial en todo o Barbanza. É o resultado dunha falta de planificación de moitos anos, dunha desidia por parte dos gobernos anteriores e de quen ten as competencias, que é a Xunta. Hai comarcas, sobre todo de interior, onde sobran os metros de terreo industrial e no Barbanza, onde hai un dinamismo tan grande, non houbo unha boa planificación.

Non sería máis lóxico apostar por un parque comarcal e non que cada concello pelexara polo seu propio polígono?

Iso pódese facer en comarcas onde non haxa unha actividade empresarial tan forte como no Barbanza. Para nós, que temos moi boas comunicacións, si que é válida esa perspectiva de ir ampliando os polígonos que xa temos, porque xa dispoñemos de servizos, aínda que non se pode desbotar que no futuro haxa un polígono comarcal potente.

Vén de celebrar o primeiro ano de goberno con maioría absoluta. En que medida iso contribuiu a mellorar a xestión municipal?

É totalmente diferente. Agora si que podemos facer unha planificación dos traballos que queremos levar a cabo. No anterior mandato, co pouco peso político que tiñamos, había que estar negociando cousas moi pequeniñas todos os días e o desgaste era moi grande.

"A todos os concellos dános a vida a Deputación da Coruña, porque reparte equitativamente os fondos. Non pasa así con outras administracións"

Ter maioría absoluta permite, entre outras cousas, facer os orzamentos que un quere. Pero os recursos dos concellos son moi limitados...

A todos os concellos, independentemente da súa cor política, dános a vida a Deputación Provincial da Coruña, porque reparte equitativamente os fondos en función duns criterios obxectivos. Non pasa así con outras administracións.

Tamén o Goberno central, que é do seu partido?

O Goberno central cumpriu co incremento que anunciou para os concellos a finais do ano pasado. E vai ser un desafogo moi grande. Pero nós traballamos para ter financiamento propio e non depender doutras administracións. Boiro leva sen subir taxas e impostos dende hai máis de 13 anos, a pesar de que a vida se encareceu moitísimo.

No PP din que se os impostos soben é porque o Goberno local se dedica a malgastar os cartos...

Cando nós entramos no Goberno, a débeda viva era de máis dun 40% e nós este ano ímola deixar nun 26%. Estamos reducindo a débeda do Concello e, ao tempo, aumentando os servizos. E a xénte sábeo, por iso este ano tivemos maioría absoluta nas municipais.

Cal é agora mesmo o motor económico de Boiro?

A industria, o comercio e todo o relacionado co mar. Temos grandes empresas transformadoras de produtos do mar. Tamén son moi importantes o sector mexilloeiro e o sector extractivo da ameixa e o berberecho, pese á problemática que están sufrindo.

E cada vez máis o turismo...

Efectivamente, pero estamos buscando un turismo de calidade, non un turismo de masificación.

Estaría a favor dunha taxa turística para que os visitantes contribuisen a custear os gastos que xeran para as arcas locais?

Non estamos tendo ese problema de masificación e non é unha proposta que estea enriba da mesa.

O turismo que reciben é, sobre todo, de segundas vivendas, non?

Así é. Hai moitas segundas vivendas que xa están ocupadas todo o ano, con moita xente doutras comunidades que pasa aquí practicamente todo o ano. E iso para nós é un prexuízo, no bo sentido, porque temos que darlle servizo a unha poboación que supera os 20.000 habitantes, pero que no padrón non chega a esa cifra. Estamos buscando fórmulas para que a xente se empadroe e conseguir máis financiamento.

Como varía a poboación ao longo do ano?

Oficialmente hai unhas 19.000 persoas censadas. A poboación flotante rolda as 22.000 persoas e en agosto pode chegar a ter uns 27.000 ou 28.000 habitantes.

Co que iso supón....

Nós non o vemos como un gasto, senón como un investimento. É verdade que aumentamos os servizos e iso implica un custo, pero para as empresas, a hostalería, o comercio e os alugueiros de vivendas supón que se move a economía.

"Están aumentando moitísimo as altas de vivendas de uso turístico, pero iso está corrixindo o déficit de prazas hoteleiras que temos"

É un problema a vivenda de uso turístico?

De momento non. Si que están aumentando moitísimo as altas de vivendas de uso turístico, pero iso está corrixindo o déficit de prazas hoteleiras que temos.

E vivenda nova, hai?

Temos proxectada unha bolsa de 1.000 vivendas nun sitio único en primeira liña de praia. É un salto moi importante que pode dar Boiro e a nosa intención é que o plan de urbanización quede aprobado nesta lexislatura.

Tracking Pixel Contents