A Pobra lembra á división La Nueve e conmemora o oitenta aniversario da liberación de París na II Guerra Mundial

Participantes na homenaxe á compañía La Nueve e ao exilio republicano celebrada na Pobra / Cedida
O día 24 de agosto de 1944, hai 80 anos, en plena II Guerra Mundial, as forzas da resistencia erguéronse en París contra os ocupantes alemáns, contando coa colaboración da 2ª División Blindada do xeneral Leclerc. Nela destacou a compañía La Nueve, composta case exclusivamente por combatentes españois. Co gallo deste aniversario, a concellería de Memoria Histórica da Pobra organizou un acto de homenaxe a estes soldados, que fixo extensivo tamén ao exilio republicano.
No acto déronse cita o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo; Juan Galán, biógrafo do soldado da Pobra no exército vasco Joaquín Fernández Millán; Virginia Fernández, neta deste combatente; familiares de exiliados republicanos, asociacións memorialistas e veciñanza.
"Reunímonos aquí para render tributo á memoria daqueles homes e mulleres que, defendendo os ideais de liberdade, xustiza e democracia, foron obrigados a emprender o duro camiño do exilio". Con estas palabras comezaba a edil para despois continuar explicando que "o exilio republicano non foi simplemente unha partida forzada; é unha cicatriz profunda na nosa historia. Centos de miles de españois víronse obrigados a abandonar o seu fogar tras a Guerra Civil, levando consigo a dor da derrota, a separación das súas familias e un futuro incerto. Moitos deles atoparon refuxio en terras estranxeiras, pero os seus corazóns nunca deixaron de latir ao compás da España que soñaban ver libre de opresión".
Neste contexto, xurdiu a compañía La Nueve, a través da cal "seguimos recordando que a liberdade e a xustiza non son concesións, senón conquistas polas que debemos seguir traballando día a día", explicou Lojo, para finalizar desexando "que o recordo da súa loita nos inspire a seguir construíndo unha sociedade máis xusta, democrática e solidaria. Unha sociedade na que xamais se volva repetir a dor da guerra nin o desgarro do exilio".

Escultura dedicada ás persoas que loitaron pola democracia, ubicada na alameda da Pobra / Cedida
Precisamente, como declarou Juan Galán, foi esa unidade a primeira en chegar a París e liberar a casa consistorial da capital cos homes montados en tanquetas que levaban nomes tan significativos como Guernika, Teruel, Ebro ou Guadalajara. Ademais, lembrou a dureza da Guerra Civil e do exilio. "A Retirada, como así se chama este éxodo de proporcións case bíblicas, baleirou España de poetas e intelectuais, da súa mellor xente, como Antonio Machado ou Rafael Dieste", sinalou.
Galán tamén quixo recordar a todos eses homes e mulleres "que non teñen voz e non adoitan aparecer nos libros de historia" e que foron levados á forza a campos de internamento por ser vencidos na República ou conseguiron escapar á represión.
Chegado este punto, referiuse a Joaquín Fernández Millán, veciño da Pobra, representado no acto por parte da súa familia. Este home loitou activamente durante a guerra no bando republicano, chegando a ingresar como voluntario nas milicias comunistas de San Sebastián (as MAOC). Ferido por metralla, no mes de outubro de 1936, acabou refuxiándose en Olot (Girona), no verán de 1937, onde comezou a crear a súa propia familia e, durante a Retirada, pasou a fronteira a principios de febreiro de 1939, dando inicio ao seu particular calvario: separado da súa muller e do seu fillo, recluído durante os anos da II Guerra Mundial en diversos campos de concentración franceses, man de obra semiescrava entre 1943 e 1944 para a organización Todt na base submarina de Burdeos e, tras a liberación desta cidade, marchou a Estrasburgo para residir finalmente en París coa súa muller ata o seu falecemento no 1982.
"O que estamos a facer hoxe aquí é tornar a nosa mirada ao pasado, contando sucesos e xulgándoos. A memoria histórica democrática non caduca co paso do tempo, senón que é necesaria", puntualizou Galán.
A neta de Joaquín Fernández Millán, Virginia Fernández, achegou o seu punto de vista persoal. Rememorou o pasado do seu avó e como Juan Galán se converteu en biógrafo do seu antepasado. Tamén falou da súa experiencia persoal coa memoria histórica, da falta de información nos libros de texto franceses sobre a Guerra Civil e os horrores que pasaron moitos españois. Xa co remate da ditadura en España, tras case 40 anos de exilio, seu avó tivo a oportunidade de, con 67 anos de idade, regresar ao seu Maño natal e coñecer España como democracia. Pero optou por non quedar no seu país pola espiña que tiña cravada por todo o vivido.

Virginia Fernández durante a súa intervención / Cedida
"Esa foi a vida do avó Joaquín. Moitos morreron polo camiño, non só pola loita e fusilamentos, senón tamén polas malas condicións de vida. Outros emigraron para América, outros uníronse ás forzas aliadas. Hai 80 anos, en xuño de 1944, os americanos desembarcaron en Normandía. Hai 80 anos, en agosto de 1944, os franceses e as forzas aliadas liberaron París, así viña nos meus libros de historia. Non é ata o 2004, 60 anos despois, que a cidade de París realizou a homenaxe adecuada aos españois da División Leclerc, da compañía La Nueve, primeira unidade en entrar na capital para a súa liberación. Hoxe a mágoa é que pasaron moitos anos, que practicamente non quedan republicanos exiliados e que moitos non recibiron nunca ningún recoñecemento. Nin as grazas. A todos eles quixera dicirlles que si, que sabemos que existiron, que estamos orgullosos deles e que tiñan razón: a democracia era e é o camiño correcto", subliñou.
O grupo Barahúnda encargouse de amenizar esta xornada que finalizou coa ofrenda floral e foto grupal a carón da escultura pola memoria histórica situada na alameda.
- Encuentran el cadáver de un hombre amarrado a una escalinata del puerto de Ribeira
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- La casa de la Ribeira Sacra donde rodó Mario Casas se puede alquilar desde 280 euros
- Galicia quiere convertirse en el gran plató de las películas y series que se rueden en España
- Encuentran de madrugada el cadáver de una persona en el puerto de Ribeira
- O_Rubio King Doc Barni, la vaca lechera de Santa Comba que conquistó el título de Gran Campeona de Galicia 2026: 'Mi hermano pequeño y yo siempre tuvimos esta ilusión
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- Alumnado del Xelmírez II recogerá esta semana su premio tras triunfar en Enreguéifate
