Entrevista | José Carlos Vidal Alcalde da Pobra do Caramiñal
“O turismo debe ser promocionado e coidado, pero non a calquera prezo”

Susana López Carbia

Hai un ano aparcou a xubilación que o agardaba á volta da esquina para asumir a Alcaldía da Pobra do Caramiñal e liderar un goberno cuadripartito que “funciona moi ben” porque os intereses municipais son “a prioridade”. Coa vista posta xa no novo curso político, o rexedor de Nós Pobra, José Carlos Vidal, confía, entre outros retos, en poder sacar adiante a ansiada ampliación do polígono industrial.
Quen lle ía dicir que ía acabar sendo alcalde, despois de exercer 35 anos como bibliotecario...
E antes diso como militar (risas). É certo que foi algo imprevisto. De feito, eu íame xubilar o verán pasado. Pero cando chegou o momento, penseino e decidín tirar para adiante. A min A Pobra do Caramiñal deume moito e eu tiña o deber de intentar darlle algo.
"No verán duplicamos a poboación e temos que dar un volume de servizos para o que non estamos preparados"
E un ano despois de darlle ese xiro á súa vida, que balance fai?
Tiven moitas dúbidas, porque carecía de experiencia política, pero, un ano despois, estou encantado.
Aínda que teña que gobernar cun cuadripartito?
Eu non sei como son os demais cuadripartitos, pero o noso funciona moi ben. Non creo que sexa tanto mérito meu, como dos catro partidos que integramos o goberno: Nós Pobra, PSOE, BNG e VIP. Hai un obxectivo común que é o que permite que isto funcione: A Pobra é a prioridade. De feito, o primeiro orzamento aprobado na nosa zona foi o da Pobra, apenas seis meses despois de iniciar o mandato, o que demostra que este goberno ten moi boa saúde.
Tamén o turismo goza de boa saúde, pero nas localidades máis turísticas estase xerando un debate sobre as consecuencias que a masiva afluencia de visitantes supón para a vida cotiá dos veciños. Preocupa este asunto na Pobra?
Efectivamente, hai momentos de saturación e non todo vale. O turismo é unha pedra angular da nosa economía e debe ser coidado e promocionado, pero non a calquera prezo. Temos que camiñar cara un turismo de calidade. Hai uns recursos naturais que temos que coidar. Temos que velar polos intereses da hostalería, pero tamén polos da veciñanza, que ten que sentirse ben tratada por todo ese turismo.
Un imposto a modo de taxa turística axudaría a compensar a eses veciños pola saturación do verán?
É unha cuestión da que aínda non empezamos a falar, pero penso que deberiamos comezar a estudalo. Quizais a nivel supramunicipal. Nós desenvolvemos case todas as competencias de turismo a través da Mancomunidade Barbanza-Arousa, que agrupa a Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra, e creo que deberiamos estudar ese tema e presentar medidas comúns dende os catro concellos.
Oficialmente A Pobra non chega aos 10.000 habitantes. Ata que punto sobe a poboación no verán?
A poboación aumenta considerablemente en xullo e, sobre todo, en agosto. Hai estimacións de que podemos chegar aos 28.000 habitantes. Paréceme moito, porque temos 9.200 e sería triplicar esa cifra. Pero si estou convencido de que a duplicamos e de aí para arriba. Iso supón que temos que dar un volume de servizos para o que non estamos preparados e que custan cartos. Hai que empezar a falar de todo isto.
Cada vez hai máis vivendas turísticas e menos alugueiros tradicionais. Hai posibilidade de construír?
É certo que cada vez hai máis vivenda turística, o que fai que atopar alugueiros para todo o ano sexa moi difícil. Pero é un problema común a moitos concellos no que pouco podemos facer. Si que temos algúns polígonos sen desenvolver na zona urbana e a nosa intención é poder sacar adiante algún deles. Pero falamos de vivenda unifamiliar, non de grandes edificios, onde si estamos limitados neste momento.
"Non renunciamos a chegar aos 10.000 habitantes e estamos traballando para conseguilo"
Van dar entón a batalla por chegar aos 10.000 habitantes...
Non renunciamos a esa batalla. Pero non é fácil e, de feito, levamos moitos anos estancados nos 9.200 habitantes. Estamos traballando para fomentar o comercio e favorecer as políticas de conciliación para poder chegar aos 10.000 habitantes.
Co que iso suporía para as arcas municipais...
Si, o financiamento é un dos nosos grandes problemas. Temos que contar coas demais administracións, porque os nosos recursos son limitados. É de agradecer a aportación que supoñen os Plans de Obras e Servizos (POS) da Deputación Provincial da Coruña, grazas aos que podemos sacar adiante proxectos que doutro xeito sería imposible levar a cabo. Fai un labor moi importante.
Pórtase peor a Xunta?
Sempre me reciben e con prontitude. Que as expectativas poderían ser mellor cubertas, dende logo. Si me gustaría que nos fixeran un pouco máis de caso.
A eterna queixa dos alcaldes é que lles toca asumir competencias que non son súas...
Por exemplo, un dos novos impostos que hai que pagar a partir deste ano é o que lle chamamos imposto da chuvia. Temos que asumir toda esa auga que chega ás depuradoras e supón un esforzo moi grande para os concellos, sobre todo para os pequenos. Ese tipo de cousas deberan ser asumidas pola Xunta.
Non podemos rematar a conversa sen falar do solo industrial, que inexplicablemente escasea nunha zona tan puxante como a súa...
É difícil de explicar. Cando cheguei ao Concello, o primeiro problema que detectei foi ese. SEA (Suelo Empresarial del Atlántico) está estudando a viabilidade dun proxecto que presentamos para ampliar en 200.000 metros cadrados o polígono industrial da Tomada. Teño moitas esperanzas de que saia adiante.
"Estamos a favor de protexer a industria de Escurís, pero o proxecto que presentaron non era adecuado"
Que vai pasar coa ampliación de Escurís? O Concello oponse aos plans de Jealsa. Non temen un traslado a outro concello?
Escurís está vencellada á Pobra dende sempre e estamos a favor de protexer a súa industria. Agora ben, o proxecto que presentaron non nos parece adecuado. A ampliación pódese facer doutra maneira e noutro lugar, por exemplo, no polígono da Tomada. O tema está nas mans da Xunta, que ten que decidir. E a mesma empresa, que nos consta que non quere ir en contra dos veciños.
Suscríbete para seguir leyendo
- El pueblo medieval de Galicia que se convierte en la capital del arte: 25 espectáculos desde el viernes para reír, emocionarse y vibrar
- Una conductora se precipita con su coche desde el periférico al polígono de Costa Vella mientras escapa de la Guardia Civil en Santiago
- Cierra una de las cafeterías más queridas de Bertamiráns: 'Nunca pensamos que chegaría este día
- Muere Alfonso Tourís Nogueira, el enfermero y sindicalista que dirigió más de dos años el PSOE de Santiago
- De una punta a otra de España en tiempo récord: tres radares de Tráfico cazan al mismo conductor en Galicia, Zamora y Jaén más de 200 kilómetros por hora
- Susto por un incendio en el límite de Brión, Ames y Teo que se acercó a una aldea: 'Estuvo a unos 300 metros de las casas
- Air Nostrum recupera este verano una de las conexiones más singulares para Santiago
- Alquilar junto al mar en Galicia: de los 622 euros de Narón a los 1.352 de Sanxenxo




