Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carballo suaviza o trazado, anchea e asfalta en dez quilómetros de tres estradas estruturais

As obras nas vías Labradas-Ponte de Bértoa, Arnados-Sambade e Pereiro Vello-Outón inclúen tamén drenaxe de pluviais e sinalización, e o investimento total é de 1,1 millóns

Inicio dos traballos de remodelación do parque infantil da praza consistorial de Carballo

Inicio dos traballos de remodelación do parque infantil da praza consistorial de Carballo / Cedida

Carballo

O Concello de Carballo acometerá nos vindeiros meses tres importantes proxectos viarios cun investimento total de 1.104.078 euros. O obxectivo das actuacións é seguir acondicionando as vías consideradas estruturais, ben polo intenso uso que teñen ou ben por unir parroquias, aumentando o ancho da calzada cando é posible e pavimentándoa en todos os casos con aglomerado en quente.

Antes de que remate o ano podería estar materializado xa o primeiro proxecto, que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa. As obras, que teñen un orzamento de 207.666 euros, foron adxudicadas á empresa Vázquez y Reino e o seu comezo é inminente. O prazo de execución previsto é de tres meses.

Os traballos, que teñen como finalidade regularizar o trazado e mellorar a seguridade viaria, consistirán na limpeza das gabias ao longo dos 2.050 metros de vía, que nalgúns puntos poderá ampliarse para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido.

Posteriormente procederase ao estendido dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente de cinco centímetros. En total pavimentarase unha superficie de 12.900 metros cadrados. Tamén están incluídas a drenaxe de pluviais e a sinalización horizontal e vertical.

En breve será adxudicado tamén o proxecto de mellora da estrada de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), ao que optan catro empresas e que ten un orzamento de 576.614 euros. A actuación será moi semellante á anterior, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.

Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais, está prevista a construción de dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados construirase unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados como no Igrexario de Lema está previsto realizar a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que se está a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.

A terceira actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre as localidades de Canosa e Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, agora mesmo está en licitación o treito que vai desde Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros.

A actuación desenvolverase ao longo de 3.330 metros de vía do mesmo xeito que as anteriores, con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados.

Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima está previsto un sobreancho dun metro por cada marxe. Asimesmo, no lugar do Outón será preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e algo menos de 3 de alto, segundo explican ao respecto dende o executivo municipal.

As empresas interesadas en optar ao concurso para a adxudicación destas actuacións teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 deste mes.

Tres novos parques infantís temáticos

Despois das reformas integrais realizadas no que vai de ano nos parques da Ponte de Bértoa, Razo, Praza Eduardo Pondal e Praza da Milagrosa e da construción dunha nova área de xogos en Artes, o plan de renovación integral dos parques infantís do Concello de Carballo continúa estes días no da praza consistorial. Nas vindeiras semanas executarase a terceira actuación incluída no proxecto Carballo para a infancia, que varía de xeito substancial con respecto á idea inicial debido a que a desaparición da vella palmeira do xardín permite ampliar a zona de xogos. Esta semana comezou o desmantelamento dos vellos xogos. A actuación que se desenvolverá na Praza do Concello suporá unha reforma integral e un novo concepto de parque, no que se delimitarán distintas zonas de xogos en función das idades dos seus usuarios. O espazo ocupado pola palmeira acollerá agora unha torre con redes de escalada. O proxecto terá continuidade coa renovación, acondicionamento e certificación de todos os parques infantís e coa creación de tres parques temáticos noutros tres espazos urbanos. O investimento previsto supera os 1,5 millóns.

Tracking Pixel Contents