Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carballo converte o parque do Anllóns nun referente

Tallaranse vinte chopos, plantaranse 36 árbores de especies autóctonas apropiadas para o clima local, reporanse arbustos e instalarase un sistema de rega automática

Vista parcial do Parque do Anllóns, no que se talarán 20 chopos e se plantarán outras 36 árbores

Vista parcial do Parque do Anllóns, no que se talarán 20 chopos e se plantarán outras 36 árbores / Cedida

Carballo

A concellería de Medio Ambiente de Carballo quere converter o parque do río Anllóns nun exemplo de xeroxardinería, concepto en alza que se basea na utilización de plantas autóctonas ou apropiadas ao clima local, con gran valor ornamental e baixo consumo de auga, para crear xardíns máis sustentables.

Coa finalidade de garantir a seguridade das persoas usuarias do parque, a zona afectada polas obras que se van levar a cabo quedou pechada este venres, e ademais será preciso retirar tanto luminarias como mobiliario urbano para evitar que resulten danados. Tamén se habilitou un desvío peonil, xa que o paseo quedou cortado nese treito.

O proxecto permitirá solucionar os problemas actuais do parque. Segundo o informe técnico elaborado para determinar o estado das zonas verdes e as medidas necesarias para melloralo, as masas arbustivas “presentan un estado tanto morfolóxico como fisiolóxico cun alto grao de deterioro” e existen varios exemplares de Populus (chopos) “de gran envergadura, que supoñen un risco para os usuarios do parque, debido á súa tendencia fisiolóxica á perda de pólas, no verán e no inverno”. De feito, na zona leste do río os chopos xa foron eliminados hai dous anos e substituídos por outras especies máis axeitadas para un parque urbano; agora farase o mesmo, pois a caída de pólas é frecuente e en varias ocasións houbo que pechar esa zona do parque para evitar accidentes.

Este luns comezará a tala das árbores en mal estado, para o cal será preciso contar con escaladores especializados e, nalgúns casos, con auto-grúa. O chopo, tal como indican os informes técnicos, é unha especie “de gran envergadura, rápido crecemento e pouco lonxeva que, debido ao propio proceso de envellecemento, perde as características polas que foi plantada, e entraña numerosos problemas na idade adulta”.

Precisamente polas súas particularidades, especialmente pola gran fraxilidade das pólas e o risco que iso supón para as persoas, os Populus non se consideran axeitados para convivir nas rúas e parques urbanos.

En total será preciso talar unha vintena de chopos, pero no seu lugar plantaranse 36 árbores doutras especies máis axeitadas, como carballos, bidueiros brancos, loureiros ou ginkgo biloba. Tamén está previsto repoñer 150 metros cadrados de arbustos, incorporar 45 plantas de hortensia e sementar 8.200 metros cadrados de céspede.

No informe técnico destácase que esta actuación contribuirá á “humanización” do espazo, “aportando toques de cor con macizos, parterres e platabandas de especies arbustivas, vivaces e plantas anuais que iluminen o parque, e que van garantir nas catro estacións cambios estéticos da paisaxe, axudados pola vexetación caduca existente, co potencial das súas follas de virar a tonalidades ocres no outono”.

Outro dos problemas dos chopos é que as súas raíces son “moi invasivas”, como explican desde o servizo municipal de xardíns, polo que no proxecto tamén se inclúe o arranxo das zonas de paseo afectadas.

A instalación dun sistema de rega automática completará a actuación, que supón un investimento de 135.000 euros e permite seguir avanzando no plan de mellora das zonas verdes iniciado hai xa catro anos.

O proxecto desenvolverase na zona oeste do parque que, xunto coa obra de prevención do risco de inundación que ten en marcha Augas de Galicia e outras melloras que acometerá o Concello, experimentará unha importante transformación.

Ruta dende Pedra do Sal ata Razo

Aínda que a última actividade a pé de praia será a ruta guiada por Xabier Maceiras desde Pedra do Sal ata Razo, prevista para este sábado 7, o Concello de Carballo pechou o programa Eu quero Razo-Baldaio reunindo no centro social de Lema ás principais entidades medioambientais de Galicia para participar na xornada de sensibilización Océanos, lixo mariño e economía circular do proxecto Mares circulares.

Nesta edición participaron Senda Nova, Adega, Hábitat, Limpocean e Ecovidrio, ás que se sumaron a Asociación astronómica IO, as deportivas Sysca e Balonmán Xiria e Protección Civil. Durante a charla de sensibilización, Antonio Castro, director de proxectos de Chelonia, achegou á cidadanía unha imaxe real do problema do lixo mariño para as costas atlánticas e o feito de que o 80% procede da actividade do ser humano en terra firme.

Destacou os efectos directos e indirectos que estes residuos teñen sobre praias, mares, ríos, lagos e sobre as actividades que se desenvolven tradicionalmente nestes espazos. O alcalde, Evencio Ferrero, entregoulle ás entidades colaboradoras uns trofeos feitos con residuos mariños reciclados.

Tracking Pixel Contents