Entrevista | Julián Bustelo Alcalde de Rianxo
“Ser alcalde non é fácil, pero a verdade é que o paso pipa todos os días”

Alina Rodríguez

Tras un inicio de mandato convulso no que chegou a someterse a unha cuestión de confianza para poder aprobar os orzamentos, o rexedor de Rianxo en Común (ReC) afronta o novo curso político con optimismo, convencido de que o Goberno en minoría que lidera terá a partir de agora unha maior estabilidade. A posta en marcha do centro de día, o novo contrato do lixo ou a creación de chan industrial son algunhas das súas prioridades para o que resta de lexislatura. No inmediato, a Julián Bustelo tócalle desfrutar das festas da Guadalupe, que hoxe viven un dos seus momentos máis agardados co espectáculo musical de drons luminosos que substitúe por primeira vez os tradicionais fogos de artificio.
Estas son a súas segundas festas da Guadalupe como alcalde... Vívense igual ou a responsabilidade córtalle o rollo?
Algo si que o corta, está claro. Tentamos manter o círculo de amigos para desfrutar das festas con eles e coa familia, pero si que hai eventos, como o día de Padrón, que como veciño non vivía e como alcalde vivo de maneira moi emotiva. Iso si, pendente do móbil e de que todo saia ben.
“Este segundo ano de mandato vaise iniciar con máis estabilidade, mirando cara o futuro e non a curto prazo”
Ademais de tempo para ir de festa, que perdeu neste ano de goberno en minoría?
Perdín algo de pelo (risas). Pérdese sobre todo vida familiar e vida cos amigos, pero é algo que hai que asumir cando un se mete nisto. Todo o que se gana é reconfortante.
Chegou a someterse a unha cuestión de confianza... Non me diga que foi un ano fácil...
Non. Decidimos gobernar en minoría sabendo que iso ía ter unhas consecuencias que iamos ter que afrontar. Quixemos manter o diálogo e foi difícil. Seguramente, tamén nós cometemos erros...
Por esa falta de consenso estiveron traballando sen cobrar...
Por exemplo... e os compañeiros aínda estiveron máis tempo ca min sen cobrar. Poder sacar adiante os orzamentos tamén tivo as súas complicacións...
Para o PSOE, a cuestión de confianza foi un circo. Realmente nalgún momento pensou que podía chegar a haber moción de censura?
A estas alturas non me atrevo a poñer a man no lume case por nada. En todo caso, estamos aquí, pasou un ano e esas cousas xa se resolveron e toca facer borrón e conta nova. Este segundo ano de mandato vaise iniciar con máis estabilidade e iso permitiranos afrontalo con maior firmeza e mirando o futuro e non a curto prazo, como nos vimos obrigados a facer neste ano.
En todo caso, non é posible un acordo de goberno que lle dea estabilidade no que resta de mandato?
Como dixen, a estas alturas non poño a man no lume por nada, porque todo cambia moi rápido. Pero estamos moi cómodos traballando desta maneira. Aínda que somos novatos, entendémonos ben e levamos moito tempo traballando xuntos na oposición. Por nós, imos tratar de seguir así, asumindo que iso nos esixe dialogar coa oposición e sendo conscientes de que todos tivemos a nosa parte de responsabilidade nas cousas que non saíron ben.
A oposición repróchalles sobre todo que non dialoguen con eles...
Seguramente nós cometemos erros, pero non comparto a crítica. Nós estivemos na oposición e sufrimos comportamentos absolutamente distintos dos que temos agora. Para sacar adiante os orzamentos, dialogamos moito, sobre todo co Partido Socialista. Aprobamos os POS ordinario e adicional por unanimidade... Escoitamos esa crítica frecuentemente, pero creo que os feitos demostran outra cousa.
Deses orzamentos, que son os primeiros desde 2021, que destaca?
Para empezar, destaco a súa aprobación. Non é doado aprobar uns orzamentos e máis estando en minoría. As contas son capaces de atender o gasto corrente que temos hoxe en día. Cando nos puxemos a facer un balance de ingresos e gastos, tendo en conta o borrador do orzamento anterior, atopamos un desaxuste de case dous millóns de euros. Fixo falta moito traballo para pulir esas cousas e cos orzamentos conseguimos non ter que recortar programas fundamentais e incluir outros, como o servizo de conciliación, que nunca tiveramos.
Superado este primeiro ano convulso, cales son as prioridades para o que resta de mandato?
Unha das prioridades é a posta en marcha do centro de día. Desde que compramos o Pazo do Rianxiño non houbo novedade. Da Xunta nada se sabe. Aínda non tivemos ocasión de que nos recibiran. Non temos moitas expectativas nese sentido, pero non imos estar esperando sine die ata que alguén nos diga algo.

Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, na redacción de El Correo Gallego / Alina Rodríguez Valdés
É posible facelo sen a Xunta?
É o que imos intentar. Se ninguén nos quere botar unha man, intentaremos facelo pola nosa conta.
E a Deputación?
A Deputación xa vai facer un investimento importante coa creación dunha residencia para maiores. Seguramente podemos ver vías de colaboración respecto do centro de día, pero as competencias son de quen son. Cargar todo enriba da Deputación no me parece o máis xusto. Imos tentar adecuar o Pazo do Rianxiño para que poida acoller o centro de día. Cando iso estea resolto, veremos as vías de xestión posibles para que se poida poñer en marcha antes de que remate a lexislatura. Outra prioridade é a licitación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, que leva moitos anos sen actualizarse. E tamén imos levar a cabo actuacións importantes para estender as redes de abastecemento e saneamento nas parroquias.
Outro dos retos que teñen na comarca é o do chan industrial...
Así é. No seu día preveuse que en torno ao actual parque industrial houbera unha ampliación. Nós descartámolo porque a previsión foi mínima. Imos tratar de ser máis ambiciosos. Estamos vendo distintas zonas onde propoñer a quen corresponda que se cree chan industrial e imos intentar levar a cabo esa vía.
"Imos tentar adecuar o Pazo do Rianxiño para que poida acoller o centro de día. Hai que estudar as vías de xestión posibles para que se poida poñer en marcha antes de que remate a lexislatura"
Vendo que se lle acumula o traballo, bota de menos a arqueoloxía?
Boto de menos os compañeiros. É un traballo duro, que ten pouco que ver coa imaxe romántica que suxire, e máis con barro, lama e frío no inverno, e moito pico e pala.
É máis difícil que ser alcalde?
Non! Pero todos os traballos teñen o seu. Ser alcalde non é fácil, ten unha serie de dificultades, pero eu ata agora veño traballar igual de contento que ao principio. A verdade é que o paso pipa todos os días.
Suscríbete para seguir leyendo
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas
- De Ames a Negreira, las alumnas que lideran las notas de la PAU de Galicia: «Sabía que la nota era buena... pero no tanto»
- Conxo rinde homenaje al histórico árbol plantado por Moncho Cascarilla con una estatua tras su polémica tala
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- El restaurante de Santiago que triunfa con sus cachopos: 'No tienen nada que envidiarle a los de Asturias
- Galicia se enfrenta a un episodio de calor extremo: alerta roja en Pontevedra y hasta 33 grados en Santiago
- Estuvo a punto de dejarlo y ahora este compostelano es campeón mundial de culturismo: 'La gente me dice que no sabe cómo soy capaz




