A oitava edición dos Premios Youtubeiras+ renace para engadir a creadores de TikTok
O certame, que repartirá 7.500 euros en premios entre 7 categorías, tamén organizará actividades formativas impartidas por ‘influencers’ con contidos en lingua galega

A presentación dos premios Youtubeiras+ na reitoría da Universidade da Coruña / Concello de Ames
A oitava edición dos Premios Youtubeiras –dende este ano renomeados Premios Youtubeiras+–, que galardoa aos creadores de contido en galego na rede, amplía as súas miras para incluír aos creadores de TikTok, desenvolvéndose baixo o lema “Fachenda ao cadrado”. O premio, organizado polos servizos de Normalización Lingüística de dez concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, ten un valor de 7.500 euros a repartir entre sete categorías distintas. A inscrición estará aberta ata o 15 de novembro.
O “renacemento” do certame baixo o seu novo nome representa a súa apertura de miras, incluíndo á rede social TikTok por primeira vez nos seus oito anos de historia. O lema desta edición é “Fachenda ao cadrado”, pero a súa intención segue sendo a mesma: promover a aparición de novas temáticas e perfís de creadores en galego, fomentar o consumo de contidos audiovisuais en galego na rede, consolidar e facer medrar a comunidade ligada ao proxecto e incrementar o público para lograr unha rede ampla e diversa de consumidores de contidos en lingua galega.
As bases dos premios xa se poden consultar na súa páxina web, onde se recollen as sete categorías que agora o conforman e entre as que se repartirán os 7.500 euros do certame: canle de YouTube, canle de TikTok (1.250€ cada unha), revelación, calidade lingüística, rede e premio do público (1.000€ cada unha). O prazo está xa aberto e rematará o próximo 15 de novembro ás 23:59 horas. Todas as persoas que participen deben ser maiores de 14 anos e ter canles en Youtube ou Tiktok xestionados por eles mesmos. No caso de ser menores desa idade, deberán inscribirse con permiso dun titor.
As canles deben ter a maioría do seu contido en galego, contar con canto menos un vídeo subido a partir do 15 de novembro co cancelo #youtubeiras, non ter restricións de privacidade, e contar co título, descrición e subtítulos (de habelos) en galego.
Ademais, haberá unha serie de actividades formativas baixo o título de “Fiadeiros dixitais” en centros de ensino medio, campus universitarios e os concellos participantes, impartidas polos creadores de contido en galego Mario Brión (Olaxonmario), María Rúa (Pradorua), Nuria Espasandín e Sergio Casal (Toxío), Laura Veiga (Pingando) e Carlos Vieito (Exército Mekemeke).
Colaborando pola lingua
Esta oitava edición foi presentada onte dende a reitoría da Universidade da Coruña, na cal a vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López, remarcaba a importancia do certame: “Youtubeiras, dende a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, se transforma e procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, que foi medrando ao abeiro destes premios”.
O proxecto é unha colaboración dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Santiago deCompostela, Rois e Teo, xunto coa Deputación da Coruña e as tres universidades galegas.
No acto tamén estiveron a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros, María José Santos Zas; e o alcalde de Ames, Blas García. Este último salientou “a importancia capital do esforzo colectivo e a colaboración entre institucións en iniciativas a prol do noso idioma”.
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- El final de una bonita historia: la joven que buscaba a una pareja de ancianos de Santiago localiza a su hija
- Santiago contará con dous novos radares: un estable no Restollal e un novo no túnel do Hórreo
- No es spam: todo lo que debes saber del mensaje masivo del Sergas y el virus respiratorio sincitial
